Galiza perderá 230.772 habitantes nos vindeiros 15 anos, o 8,5% da poboación

A queda é sete veces maior que a media estatal. O INE prevé que o Estado español perda, nese período, o 1,2% dos seus habitantes.

En 15 anos Galiza perderá o 8,5% da súa poboación, 230.772 persoas. O equivalente a que desaparezan do mapa, con todos os seus habitantes, cidades como Vigo ou A Coruña. Esta é a proxección feita polo INE, Instituto Nacional de Estatística, que sitúa en 2031 unha Galiza con 2.489.946 persoas. A 1 de xaneiro de 2016 somos 2.720.668.

Estas previsións para Galiza son sete veves superiores ás que o INE prevé para o conxunto do Estado: nos vindeiros 15 anos a poboación española caerá nun 1,2%. Só Asturies e Castela-León presentarían un panorama máis desolador que Galiza.

No que atinxe ao saldo vexetativo, a diferenza entre número de nacementos e defuncións, a proxección para Galiza de que en 2030 haxa 19.595 mortes máis ca nacementos.

De se manter as tendencias actuais habería un aumento do número de fogares en Galiza, que aumentarían nestes 15 anos en 25.000, até superar o 1.100.000. Porén, e como antes indicamos, cae a poboación. A porcentaxe de fogares unipersoais elevaríase até superar o 31% e serían daquela 347.027 fronte aos 269.534 actuais.