Galiza perderá 165.602 habitantes até 2035 e o Estado gañará 954.497

Na emigración atópase unha das chaves da perda de poboación. (Foto: Nós Diario).

Galiza non deixa de perder peso poboacional relativo no conxunto estatal e europeo.

Se á volta de 1920, a Galiza sumaba 2.342.545 habitantes e representaba, practicamente, o 11% da poboación do Estado español, transcorridos 130 anos non chega a 2,7 millóns e significa, tan só, o 5,78% do total estatal.

Mentres ao longo do último século o Reino de España multiplicou por oito e aumentou, case, nun 248% a súa poboación, Galiza reduciu á metade a súa posición relativa no conxunto estatal.

Os datos demográficos máis alarmantes atópanse nas comarcas interiores de Lugo e Ourense, que perderon un total de 255.678 habitantes desde 1900.

Neste sentido, as persoas expertas consideran que son consecuencia dun ciclo histórico que arranca das grandes mudanzas demográficas producidas a raíz das emigracións masivas das décadas dos sesenta e setenta e agudizado polos efectos na economía galega da integración no Mercado Común Europeo.

Segundo recolle a última proxección demográfica do Instituto Nacional de Estatística (INE), a Galiza perdería 165.602 habitantes nos vindeiros 13 anos.

Así, nas súas previsións para 2035, a poboación galega reduciríase en 6,6%, pasando dos 2.689.000 residentes na actualidade a 2.523.398 en 2035.

Nunha dirección contraria, a poboación española aumentaría nese mesmo período en 954.497 habitantes, superando os 48.284.000 en 2035 e achegándose aos 50.600.000 en 2070.

Madrid sería o territorio do Estado onde máis aumentaría o número de residentes, pasando dos 6.747.425 da actualidade a 7.361.414 habitantes.