A Galiza perde anualmente 41 millóns de toneladas de solo

Os incendios son un dos factores que erosionan o solo. (Foto: Arxina)
A erosión 'borra' 14,5 toneladas de superficie por hectárea na Galiza cada ano. Isto supón que cada doce meses 41,6 millóns de toneladas 'desaparecen' de media no territorio galego por un problema, a erosión, que o 'Inventario nacional de erosión de solos' (INES) sitúa como de extrema gravidade.

Unha quinta parte do territorio galego sofre erosións "graves" ou moi graves", cunha perda de solo que é superior ás 41 millóns de toneladas anuais e que mostra que a desertización tamén é unha ameaza real para a Galiza. Un problema, ademais, que sobrepasa o impacto ambiental para ter tamén unha consecuencia social e económica. "O solo é un recurso finito e non renovábel. É o soporte onde se desenvolve toda a vida na Terra”, describe o Instituto Xeográfico Nacional. 

A erosión é o desprazamento da capa superior do solo pola acción da auga ou o vento. E se ben a erosión é un fenómeno natural que, en taxas moderadas, permite a renovación do relevo e creación de novas paisaxes, “a intervención humana fai que o proceso se intensifique”, especifica o plan, e implique derivas prexudiciais para o medio mais tamén en termos sociais e económicos.

Grave ou moi grave

Segundo o tipo de erosión, 11,7% da superficie da Galiza sofre unha situación de erosión "moi grave" e 9,4% "grave". Suman entre ambas as dúas 21%, o que supón aproximadamente 600.000 hectáreas. O nivel de erosión que se rexistra noutros territorios do Estado, como Andalucía ou A Rioxa, os dous máis afectados por este fenómeno, é moi superior: 51% e 56% da superficie, respectivamente— mais os niveis na Galiza tamén son "preocupantes". De feito, a porcentaxe de erosión na Galiza é superior ao que se rexistra en comunidades como Estremadura (18%) ou Castela e León (11,2%).

A ameaza de desertización está recollida por provincias no Inventario nacional de erosión de solos (INES), e aprécianse notábeis diferenzas. A Coruña e Lugo son as máis afectadas por esta situación, con 26,3% e 26,1% da súa superficie sometida a unha erosión "grave" ou "moi grave". En Ourense é 14,2% do seu territorio e en Pontevedra, 11,6% o que está nesa situación.

A erosión e desertización non responde a un único motivo ou factor, tampouco no caso da Galiza. Máis alá dos habituais, están entre os factores a ter en conta os incendios forestais, os monocultivos intensivos que empobrecen o terreo, os usos inapropiados, as cortas...., así como o impacto do cambio climático e a alteración do clima, o que se evidencia na Galiza en fenómenos como as secas.

Na última década, a media anual de superficie queimada na Galiza sitúase en 20.000 hectáreas (ha), e a media por incendio foi de 6,7 ha.  A superficie arborada queimada rexistrou de media 7.300 ha e por incendio 2,47 ha. O número de incendios foi neste período de 10 anos por volta de 500 cada anualidade, de media. O lume, ademais, deixa un terreo 'desprotexido' ante o vento e a choiva a nivel de erosión, perdendo boa parte do seu 'manto fértil'. Os solos albergan unha cuarta parte da biodiversidade do planeta.

O solo é a base para a produción de alimentos saudábeis, e é capaz tamén de almacenar e filtrar a auga. Ademais, o solo é, despois dos océanos, o segundo sumidoiro de carbono polo seu importante papel nos ciclos bioxeoquímicos”.