Galiza, pechacancelas en financiamento da dependencia

(Foto: Europa Press)

É o territorio de todo o Estado que menos invisten en dependencia por persoa potencialmente dependente e o segundo que menos o fai por persoa beneficiaria.

A asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais do Estado é polo de agora a última entidade en alertar sobre a situación do sistema galego de benestar, en concreto no referido á dependencia, unha realidade que atinxe a ducias de miles de galegos e galegas.

Esta segunda feira publicou un documento no que debulla o financiamento da dependencia nos diferentes territorios do Estado, unha análise na que Galiza non sae precisamente ben parada.

Somos, para empezar, o territorio de todo o Estado que menos inviste en dependencia por persoa potencialmente dependente: 868 euros, cifra moi afastada da media estatal, que se sitúa en 1423. Zonas como Euskadi ou Estremadura, por riba dos 2.000 euros por persoa, destinan máis do duplo do que Galiza.

No que respecta ao gasto medio por persoa beneficiaria só Andalucía presenta peores rexistros que Galiza.   A media estatal sitúase en 7991 euros por persoa e na Galiza está en 6.547. De novo Euskadi, con máis de 12.000 euros por persoa, lidera a clasificación.

Por último, o documento de Directores e Xerentes de Servizos Sociais do Estado, tamén se detén na porcentaxe de financiamento autonómico e estatal do montante total que se inviste en cada territorio. E na Galiza, en 2020, a porcentaxe autonómica está en 76%, a máis baixa.

A Xunta comprometíase en maio a pór en marcha un Plan de choque en dependencia para axilizar o sistema, reducir os tempos de agarda nas valoracións e mais para crear novas vías preferentes para aquelas persoas que padezan patoloxías moi graves, como a ELA.

A valoración da discapacidade é un tramite imprescindíbel para o recoñecemento administrativo daqueles condicionantes que limitan ou impiden a unha persoa desenvolver a súa vida de forma autónoma. A súa aprobación e concreción determina o aceso a unha serie de axudas públicas para os demandantes e nalgúns casos á propia xubilación anticipada por razóns de saúde. Neste último suposto, o órgano de valoración debe fixar para o solicitante unha minusvalía superior a 65%, atendendo a criterios de mobilidade, capacidades propias para actividades físicas e funcionais  ou control do sono.

Porén, a Xunta incumpre os prazos fixados pola lexislación para resolver estes procedementos. Segundo a información achegada pola Administración galega e recollida no informe da Valedora do Pobo, en setembro de 2020, “na Coruña e Ferrol estábanse a resolver as solicitudes sen prioridade de novembro de 2019 (dez meses despois); en Santiago, as de febreiro de 2019 (un ano e sete meses despois); en Lugo, as de agosto de 2019 (un ano e un mes despois); en Ourense, as de xuño de 2020 (tres meses despois); en Pontevedra, as de outubro de 2018 (23 meses despois); e en Vigo, as de novembro de 2018 (22 meses despois)”.