A Xunta admite a burocratización na dependencia e promete axilizar o sistema

O Goberno galego anunciou a posta en marcha un Plan de choque en dependencia para axilizar o sistema, reducir a agarda e crear novas vías preferentes.

Alberto Núñez Feixoo (Foto: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Consello da Xunta da Galiza (Foto: Arxina)

O Consello da Xunta comprometeuse a pór en marcha un Plan de choque en dependencia para axilizar o sistema, reducir os tempos de agarda nas valoracións e mais para crear novas vías preferentes para aquelas persoas que padezan patoloxías moi graves, como a ELA.

O primeiro obxectivo, dixo esta cuarta feira, 26 de maio, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, é reducir o formulario para solicitar a dependencia. O documento supera actualmente as 26 páxinas e a pretensión é reducilo a menos da metade. Para iso, xunto á solicitude tan só se requirirá presentar o informe médico e o informe social.

O chamado PIA, programa individual de atención, é dicir, o formulario coa prestación que precisa cada persoa en función da súa situación, pasará a facerse automaticamente coa solicitude inicial, para deixar así de ter que agardar a que se resolva a concesión do grao de dependencia para tramitalo. O PIA traerá ademais aparellado, de modo automático, unha prestación económica pública e incluirá opcións alternativas ao servizo preferido pola persoa dependente, mentres non haxa praza na súa opción prioritaria.

Feixoo tamén anunciou a contratación de equipos de valoración itinerantes para acudir a lugares con maior lista de agarda.

Novo plan contra os lumes 

Por outra banda, o Executivo tamén deu luz verde ao Plan de prevención e defensa contra os lumes forestais (Pladiga) 2021, que contempla a creación dun corpo de investigación de incendios, con 15 profesionais que estudarán os lumes para conseguir "probas" que permitan acusar os responsábeis.

"Temos mais de 100 persoas sospeitosas, o problema está en acreditalo", aseverou Feixoo.

Segundo o Pladiga incorporaranse dous novos helicópteros, compraranse novas motobombas e renovaranse 11, e aumentaranse as cámaras de vixilancia para cubrir até 70% do territorio galego. Por último, son 35 (sete máis que no Pladiga anterior) as parroquias de alta actividade incendiaria. 

Noutra orde, o Goberno tamén aprobou a disposición de 14 millóns de euros para facilitar a transformación tecnolóxica e achegar liquidez para realizar investimentos. Os beneficiarios serán pemes do comercio e turismo, así como a industria téxtil, naval, do ocio...

Tamén ficou aprobado no Consello o Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión 2021-2024, que, en palabras de Feixoo, "permitirá avanzar na transparencia e eficiencia da Administración". 

Por último, deuse luz verde ao Plan reitor de uso do Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Nel estabelécense para as súas case 1.000 hectáreas tres zonificacións diferentes, reservando 56 delas (6%) para uso xeral ao cualificárense de "terreos desnaturalizados", mentres que 565 hectáreas ficarán na zona I, de máxima protección, onde o uso público queda restrinxido a aquelas áreas designadas para paso. 

Comentarios