Galiza, de novo, por riba dos mil casos de Covid-19

(Europa Press)
O Sergas notificou onte 1.053 casos activos de coronavirus na Galiza, unha cifra que non se rexistraba desde hai case tres meses e que duplica os contaxios de hai tan só unha semana. O principal foco está na comarca da Coruña. Desde o pasado sábado, esta área ten vixentes restricións no ocio nocturno, nas reunións sociais e nos servizos sociosanitarios, que, desde onte, pasarán a aplicarse, como obrigas ou como recomendacións, en todo o territorio estatal, onde o Goberno español acaba de adoptar tamén a prohibición de fumar nos espazos públicos cando non se poida garantir unha distancia de dous metros. 

Con 136 novos casos nunha xornada e máis do duplo que hai unha semana, Galiza superou onte a barreira das mil persoas afectadas pola Covid-19, unha cifra que non se daba desde o pasado 20 de maio, durante a fase 1 do proceso de desconfinamento. 

As circunstancias non son, porén, as mesmas que entón: dos 1.053 casos activos que comunicaba o Sergas esta sexta feira, 42 precisaron ingreso hospitalario, menos da metade das 95 persoas hospitalizadas  naquela altura, 16 delas na UCI. Na outra cara, as cifras da área sanitaria da Coruña, a máis afectada pola repunta e que hoxe acumula 58,7% do total de casos da Galiza, duplican amplamente as daquela data.

Nunha progresión ascendente, A Coruña e os concellos da contorna sumaban onte 74 casos activos até chegar aos 618. Unha semana antes estaban en 177. Esta evolución é a que levou a Xunta a adoptar o pasado sábado unha serie de restricións, prolongadas e ampliadas hai tres días diante do continuo aumento dos contaxios e a falta de control dos focos.

As medidas de contención devolven os nove municipios da comarca –A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada– ás limitacións da fase 1 en varios aspectos, con estabelecementos hostaleiros e terrazas a 50% e limitacións de horario, reunións sociais de non máis de 10 persoas e horarios comerciais preferentes para persoas maiores.

Tamén desde o Ministerio 

Outras restricións, como a de mobilidade entre municipios, que si se acordara durante o surto da Mariña hai un mes, estase evitando "polo momento", segundo advertiu o presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo,  esta semana, cando anunciou para toda Galiza a prohibición de fumar en espazos públicos, rúas e terrazas, no caso de non poder garantirse unha distancia interpersoal de dous metros, como mecanismo de protección ante o avance dos contaxios. No día de onte, o Ministerio de Sanidade estendía a todo o territorio estatal esta limitación e outras das que  están a aplicar de forma extraordinaria na área da Coruña, como é o fechamento de  discotecas, salas de baile e bares de copas, aumento de PCR e cribado a grupos especialmente vulnerábeis, e limitación nas visitas en servizos sociosanitarios como residencias,  polo "número de abrollos en aumento nas últimas semanas".

Galiza sumaba onte un novo foco en Cospeito, con 10 casos dunha familia, e engadía casos aos xa detectados, como o vinculado a un campamento de verán en Cerdido, que chega aos 15 contaxios, en Barbadás, con sete casos, ou de Ourense, con seis.  

Das medidas adoptadas pola Xunta desde a pasada quinta feira, Feixoo destacou a limitación a unha persoa o acompañamento a persoas hospitalizadas, o aumento de probas PCR na área da Coruña e a exixencia a concellos e Delegación do Goberno para facer cumprir as restricións, como "o uso das máscaras en rúas e terrazas, a non relaxación do ocio nocturno" e, agora, as normas para o consumo de tabaco, despois de acusar as Administracións locais de "relaxación no control". 

A delegación de responsabilidades do Goberno galego na xestión da situación sanitaria sobre outras administracións, sendo a galega a que ten as competencias, xunto coa ausencia de medidas máis fondas para conter este foco e paliar os seus efectos trouxo de volta críticas contra a Xunta. "Como acostuma facer, Feixoo dedicouse a descargar as responsabilidades nos demais. Nas cidadás e nos cidadáns, nos concellos, nas policías locais. Mais en ningún momento esclareceu que vai facer no exercicio das súas competencias. Que vai facer para reforzar a Atención Primaria, clave no combate contra a enfermidade. Que vai facer para aumentar o número de persoas rastrexadoras", apunta desde o BNG da Coruña, o seu portavoz, Francisco Jorquera. Na mesma liña, o deputado nacionalista Néstor Rego acusou onte Feixoo de facer "propaganda" e "non tomar ningunha medida".

"Dedicouse a repartir culpas e responsabilidades pero non anunciou reforzos dos servizos médicos e asistenciais", sinala, na liña, a Marea Atlántica.

Tamén desde o PSdeG, o secretario xeral, Gonzalo Caballero, urxiu onte a Xunta a "exercer as súas responsabilidades en primeira persoal" e dotar con fondos e medios os concellos para a aplicación das medidas contra a pandemia, no canto de "delegar a aplicación da lexislación nos concellos"  que, en moitos casos, carecen de medios para facelo.

Alcaldes e alcaldesas da área da Coruña concordaban nas últimas horas na necesidade de contar con reforzos para controlar medidas que, como a que atinxe ao tabaco, son "difíciles de controlar". Así, por exemplo, o rexedor cambrés, Óscar García Patiño, salientou o "sobreesforzo" do Concello para dar cumprimento as últimas prescricións sanitarias.

Na xornada de onte, dirixentes de Ferrol, Narón, Cabanas, Cedeira, Neda e Valdoviño sumáronse á defensa da actuacións dos corpos municipais e reclamaron Feixoo que "lidere a loita  contra la pandemia".

A noite paga a repunta

Medio cento de representantes da hostalaría da zona centro da Coruña concentrábase onte diante do pazo municipal para reclamarlle á Xunta que modifique as restricións extraordinarias que afectan aos locais de ocio nocturno na comarca e permita a súa apertura até a unha da madrugada, no mesmo horario que cafeterías, bares e restaurantes.

"Somos os primeiros que queremos que isto saia ben"."As medidas están ben pero [pedimos] que nos deixen cumprilas; para poder cumprilas temos que poder traballar", salientou no acto Daniel Mosquera, un dos portavoces, lembrando que estes locais estiveron catro meses pechados e só un aberto desde o inicio da pandemia. 

Xusto a mesma hora en que tiña lugar a mobilización, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, comparecía publicamente para anunciar que a prohibición de apertura a discotecas e bares de copas, vixente na área coruñesa desde hai unha semana, pasa a funcionar en toda España, como tamén outras das limitacións que se están a aplicar na área sanitaria coruñesa ou, como ocorre desde esta semana co tabaco no espazo público, en toda Galiza.

Na súa intervención, o responsábel de Sanidade dirixiuse ás franxas de idade máis novas, por estar "afectadas directamente" polas medidas, nun chamado para que eviten "facer botellóns, fumar cando non se pode manter a distancia de dous metros ou xuntarse con máis de dez persoas" e para "cumprir estas medidas, como fan as persoas maiores". 

Mais non só. Houbo tamén unha apelación aos Gobernos territoriais, para "aplicar de maneira máis estrita" as sancións para evitar 'botellóns', como unha actividade de risco.  "Que quede claro: beber na rúa está prohibido, non se pode beber na rúa", subliñou Illa.   

O aumento de reunións privadas sen control é un dos argumentos que esgrime o sector hostaleiro convocante da concentración da Coruña para reivindicar o seu espazo de traballo, ademais dos prexuízos económicos que as limitacións están a supoñer para este ámbito laboral.

Porén, a súa reivindicación atopa un escollo nos xulgados e tribunais, que na última semana avalaron en varias ocasións as decisións impostas pola Xunta para afrontar o aumento de casos na Coruña e a súa contorna, e mesmo rexeitou suspender de forma cautelar e urxente a súa aplicación, tal e como reclamara no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza a asociación de empresas de hostalaría da Coruña, que ten aberto un recurso contra as últimas ordes sanitarias para a comarca.

A última resolución, de onte, asínaa un xulgado do contencioso-administrativo, que ratifica a decisión da Consellaría de Sanidade de estender no tempo as limitacións no ocio, nos centros de día e noutros servizos sociosanitarios da área da Coruña, e sumar a limitación de acompañamento a persoas hospitalizadas e a creación de franxas de atención preferente a maiores no comercio, como mínimo, até a vindeira semana.

"Resulta ocioso mencionar que a Covid-19 é unha pandemia que afectou e afecta de forma singular e que, polo seu alto nivel de contaxio, puxo en xaque o noso sistema sanitario. As medidas dirixidas a evitar novos contaxios aparecen como de interese público xeral e deben primar fronte aos dereitos individuais, salvo que se aprecien como inxustificadas ou desproporcionadas", resolve a maxistrada, que se apoia no "empeoramento" da situación epidemiolóxica e na "transmisión comunitaria" que a Xunta detecta nesta zona.