Galiza Nova censura a "complicidade" do Goberno español coa visita do emérito a Sanxenxo

Rolda de prensa de Galiza Nova contra a presenza do rei emérito en Sanxenxo (Foto: Europa Press).
Na rolda de prensa en que tamén estaba presente o deputado no Parlamento galego, Paulo Ríos, a secretaria xeral da organización xuvenil, Marta Gómez, asegurou perante os medios que “denunciamos a presenza en Sanxenxo do emérito, un rei que marchou fuxindo da xustiza”.

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, organizou esta segunda feira unha rolda de prensa na localidade de Sanxenxo con motivo da posíbel chegada do rei emérito, Juan Carlos I, á propia localidade nos vindeiros días.

Na rolda de prensa en que tamén estaba presente o deputado no Parlamento galego, Paulo Ríos, a secretaria xeral da organización xuvenil, Marta Gómez, asegurou perante os medios que “denunciamos a presenza en Sanxenxo do emérito, un rei que marchou fuxindo da xustiza”.

Ademais, Gómez censurou a "complicidade" do Goberno español e o "beneplácito" do Partido Popular na Galiza coa visita.

Gómez lamentou que os Gobernos e os partidos permitan que a visita dun "fuxido da xustiza" quede "impune" e, mesmo, "pase coa complicidade" do Executivo español e da Xunta.

"Todos os sucesos que rodean a figura do emérito non fan máis que corroborar que a monarquía española é unha institución corrupta e inxusta que non ten cabida neste país", aseverou a máxima responsábel de Galiza Nova, que subliñou que o emérito debería volver ao Estado español para presentarse ante a xustiza "e ser xulgado polos seus delitos".

"Descontento"

Neste sentido, afirmou que "moitos" veciños de Sanxenxo e a "sociedade" están "descontentos" co feito de que Juan Carlos veña ás Rías Baixas "para pasearse impune polas rúas".

Por iso, aínda que Galiza Nova non ten intención de convocar accións reivindicativas durante a estancia do emérito en Sanxenxo, avanzou que participarán naquelas que sexan promovidas pola sociedade civil.

"A monarquía española o único que representa é a dependencia do Estado español e o que fai é impedir que podamos desenvolver os nosos proxectos de vida", aseverou antes de apelar a "romper" coa "dependencia" da Galiza con España para que a mocidade "poida desenvolver os seus proxectos de vida nunha República Galega".