Galiza Nova organiza a 20ª edición da Homenaxe a Rosalía e Castelao

[Imaxe BNG]

O secretario xeral da organización xuvenil, Alberte Mera, lamentou que o Concello de Compostela lles impuxese unha "fianza de mil euros" para poder desenvolver o acto. 

 

Esta terza feira (21 de xullo) Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, presentou a súa tradicional homenaxe a Rosalía e Castelao. Un acto que desenvolven desde hai 20 anos. 

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, lembrou en comparecencia de imprensa a "vixencia" das figuras de Rosalía e Castelao “porque denunciaban a dependencia de Galiza que impedía aproveitar os nosos recursos produtivos para xerar riqueza e emprego", cuestión que vencellou á migración de "máis de 100.000 mozos e mozas desde que Feijóo chegou á Xunta". 

Neste senso, explicou, a organización xuvenil mesturará "humor, música, arte e cultura" coas actuacións de Poetarras e Loaira nun acto que terá lugar no Parque de Bonaval o 24 de xullo ás 17h. 

Fianza de mil euros

Na súa intervención, Mera lamentou que o Concello de Compostela impuxese unha "fianza de mil euros" a Galiza Nova para poder facer uso deste "espazo público" por un período "dunha hora". Cantidade, subliñou, que "é difícil de afrontar" para unha "asociación xuvenil" e que nunca lle fora requerido antes. 

Na comparecencia tamén estivo presente o secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, quen parabenizou a mocidade da organización frontista por desenvolver nos últimos 20 anos esta homenaxe. “É curioso que á mocidade deste país se lle prive de coñecer sen complexos o inmenso legado que nos deixaron”, afirmou Lobeira. 

Bieito Lobeira aproveitou para lembrar o apoio do BNG á manifestación convocada o 25 de xullo e que partirá ás 12h da Alameda de Compostela baixo o lema 'A nación galega'. Unha xornada que, dixo, agardan sexa “unha gran demostración da vitalidade do pobo galego na defensa dos seus dereitos colectivos, o dereito a existir como suxeito político e a ter un papel protagonista no debate aberto do Estado español en relación cos dereitos dos pobos”.

Así mesmo, remarcou a aposta da organización frontista na abertura dunha "vía propia, galega, democrática, popular e nacionalista" que reverta a actual situación económica, social e política do país. Un feito que pasa por “artellar unha estratexia propia, sen submisión a ningunha estrutura partidaria española ou allea a nós”, concluíu.