Galiza Nova denuncia unha sanción da Policía local de Sanxenxo por colocar colantes contra a visita do emérito

Marta Gómez, Fran Leiro e Nuria Díaz, a militante sancionada (Foto: Nós Diario).
A organización xuvenil manifestaba publicamente o seu rexeitamento á visita do emérito o pasado 17 de abril, ao día seguinte un grupo de militantes aumentaron esta protesta cunha acción que consistiu na colocación de colantes, cartaces e pancartas con lemas contra a monarquía nas rúas do municipio de Sanxenxo.

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denunciou publicamente esta segunda feira a represión sufrida por militantes da organización que foron sancionadas economicamente tras a acción reivindicativa levada a cabo hai menos dun mes contra a visita do rei emérito.

A organización xuvenil manifestaba publicamente o seu rexeitamento á visita do emérito o pasado 17 de abril, ao día seguinte un grupo de militantes aumentaron esta protesta cunha acción que consistiu na colocación de colantes, cartaces e pancartas con lemas contra a monarquía nas rúas do municipio de Sanxenxo.

Foi durante esa colocación dos colantes que a policía local identificou dous militantes, instándoos a retiralos e indicando que deste modo non serían propostos para sanción, non obstante finalmente unha das rapazas si que foi sancionada economicamente pese a ter obedecido as ordes da Policía.

Tal e como expresou Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, “é unha auténtica vergoña e un ataque contra a liberdade de expresión” sinalou.

“Galiza non ten rei e temos dereito a expresalo alto e claro e a manifestar o noso rexeitamento á visita do emérito deixándoo claro tamén nas rúas” expresou Gómez.

"Dobre vara de medir"

Na rolda de prensa tamén estivo presente o candidato á alcaldía polo BNG no concello de Sanxenxo, Fran Leiro, que criticou a “dobre vara de medir” do Goberno municipal. “Nestes días estamos vendo cartaces de mitins do Partido Popular colocados nas farolas, parécenos lexítimo e razoábel pero queremos o mesmo para todas”  reclamou o candidato.

“Non é a primeira vez que nos sancionan por manifestar na rúa os nosos posicionamentos e probabelmente tampouco sexa a última” engadiu Gómez. “Que as nosas demandas molesten só nos dá forzas para seguir adiante, porén, desta volta sabemos que a mellor solución e a maior resposta debemos dala nas urnas este 28 de maio coa papeleta do BNG” sentenciou.