Galiza Nova, sancionada pola Lei Mordaza

Multa de 1.500 euros por pintar un mural polos dereitos LGBT

Mural realizado por militantes de Galiza Nova

A organización xuvenil do BNG denuncia nunha rolda de prensa as multas recibidas por cinco militantes de Galiza Nova por realizaren un mural co lema “Construíndo a Galiza Diversa”, en defensa dos dereitos LGBT. A sanción foi interposta pola Garda Civil en aplicación da coñecida como Lei Mordaza.

“A noite do 27 de outubro fomos identificados pola Garda Civil, que logo puxo unha denuncia contra nós pola realización dun acto de liberdade de expresión que en ningún caso empeorou o estado do mobiliario público”. Así explicaba en rolda de imprensa un dos multados, o membro de Galiza Nova Martín Coego, a sanción recibida a integrantes da organización xuvenil do BNG por pintaren un mural en defensa dos dereitos LGTBI.

 

Neste muro, de titularidade pública, existía xa unha pintada anterior,, informou Galiza Nova, que expón que os feitos non foron
denunciados polo propietario do mesmo, senón directamente pola Garda Civil, un procedemento permitido pola Lei Mordaza.


A través do seu secretario xeral, Alberte Fernández, denunciou que “a represión foi a máis nos últimos tempos e os ataques contra a liberdade de expresión son cada vez máis habituais”. Fernández reclamou a derogación da Lei Mordaza, da que lembrou que foi aprobada polo goberno do Partido Popular, "mais non cuestionada aínda co novo goberno de Pedro Sánchez

 

Bonos axuda para chegar aos 1.500 euros

 

Ao tempo, o secretario xeral comunicou que a organización editará bonos axuda para afrontar o custo das multas de 300 euros no caso de que as alegacións presentadas non sexan tidas en conta. Foron sancionadas un total de cinco persoas, polo cal o importe total ascende a 1.500 euros. Insistiu en que se trata dunha "persecución política".

 

O responsábel comarcal do BNG, Demetrio Gómez, aproveitou a rolda de prensa realizada conxuntamente entre o Bloque e a organización xuvenil para mostrar o apoio da dirección e denunciar “a situación de involución democrática na que se atopa o Estado e a Galiza pola persecución diaria da liberdade de expresión”.