A Galiza non é un país para a vellez

96,7% dos maiores de 65 anos non dispoñen de Servizo de Axuda no Fogar (SAF). (Foto: Europa Press)

Os estudos elaborados por diversas entidades públicas e privadas alertan sobre a situación das persoas maiores. Uns e outros coinciden en situar nos postos de cola as pensións galegas así como os equipamentos sociais destinados  á terceira idade. As políticas da Xunta ofrecen algunhas das respostas.

O Ranking de territorios pola economía sénior 2021, elaborado pola Fundación Mapfre e que vén de facerse público, volve pór no foco a situación das persoas maiores na Galiza. O documento, un dos informes de referencia para coñecer a realidade deste grupo social, sinala que as pensións galegas atópanse á cola a nivel estatal, só por diante das estremeñas e 129,18 euros ao mes por baixo da media española.

Os pensionistas galegos reciben de media 1.004,30 euros ao mes. A súa contía é moi inferior á dos xubilados vascos, que rexistran as retribucións máis altas do Estado, con 1.460,08 euros; á dos asturianos, cuxos ingresos son de 1.430,60 euros, ou á dos madrileños, con 1.387,23 euros. Acompañan a Galiza nos postos de cola Estremadura con 987,59 euros, Murcia con 1060,74 euros e Andalucía con 1.073,44 euros.

Unhas pensións por baixo da media estatal

As pensións dunha parte importante das persoas xubiladas galegas están por baixo desta media. Así, 61.226 vivían en 2020 na Galiza cunhas pensións que non superaban os 324 euros, sendo 33.876 mulleres e 27.350 homes. Ao tempo, os ingresos de 197.549 pensionistas galegos sitúanse entre 324,35 euros e 648,7 euros, correspondéndose 121.036 con mulleres e 76.513 con homes. A este respecto, a comparativa dos exercicios de 2019 e 2020 deixa claro que os beneficiarios das pensións máis baixas aumentaron un 35% nese período.

Os autónomos galegos cobran a pensión de xubilación máis baixa do Estado, cunha contía media para a Galiza de 668,9 euros, 518 euros por baixo dun asalariado, con Ourense presentando a peor cifra, con 646,84 euros, seguida de Lugo, con 647,31 euros. Neste grupo, atópanse, tamén, aquelas persoas que cotizaron polo desaparecido Réxime Especial Agrario.

Os índices de pobreza entre as persoas xubiladas son moi elevados. A este respecto, os datos fornecidos para 2020 pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN) na Galiza evidencian que "404.154 persoas, unhas 71.000 máis que o ano anterior, reciben unha pensión cuxo importe é inferior ao mínimo considerado para non ser pobre". Segundo a EAPN, enténdense por pobres aquelas persoas cuns ingresos inferiores ao chamado limiar da pobreza, cifrado en 2020 en 9.626 euros.Por outra parte, a Galiza atópase á cola do Estado en centros residenciais para maiores de xestión pública e privada, cunhas cifras só mellores ás da Rexión de Murcia.

Segundo recolle o Ranking de territorios pola economía sénior 2021, empregando as cifras ofrecidas para 2020 polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Galiza dispón de 223 centros residenciais de maiores para unha poboación maior de 65 anos de 687.685 persoas, o que significa 3,23 centros por cada 10.000 habitantes que superan 65 anos.

As cifras están moi lonxe da media do Estado, onde se rexistran 6.01 centros residenciais por cada 10.000 habitantes maiores de 65 anos. Neste contexto, destacan os datos de Estremadura, con 14,56 centros por cada 10.000 habitantes maiores de 65 anos; de Castela e León, con 11,38 centros por cada 10.000 habitantes maiores de 65 anos, e de Aragón, con 10.01 centros por cada 10.000 habitantes maiores de 65 anos.

Á cola do Estado en residencias públicas

A panorámica da Galiza é peor á referida nos números da Fundación Mapfre. Así, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais sitúa Galiza á cola do Estado en prazas residenciais de carácter público, case 40 puntos por baixo da media estatal, onde o número de prazas públicas chega a 62% e fica lonxe do 74% de Euskadi.

Pola súa parte, a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos sinala que a Galiza contaba en 2020 con 2,9% de prazas residenciais menos que en 2010.

A ratio de prazas residenciais para maiores na Galiza está moi por baixo das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Mentres este organismo aconsella cinco prazas  por cada 100 persoas maiores de 65 anos, a Galiza só dispón de 2,83 prazas de residencia por cada 100 maiores de 65 anos, practicamente dous puntos menos que a media estatal, situada en 4,22 prazas por cada 100 maiores de 65 anos.

A cobertura do servizo de teleasistencia para os maiores é, tamén, moi escasa. A este respecto, o Ranking de territorios por la economía sénior 2021 coloca a Galiza ao final da táboa, só por diante de Estremadura.