Galiza mobilízase contra o masacre provocado por Israel en Palestina

Concentración a prol do pobo palestino en Compostela. (Foto: Rubén Permui)
Cidades e vilas saíron á rúa en prol do dereito de autodeterminación do pobo palestino, pedindo que remate o xenocidio infrinxido por Israel e os ataques iniciados na última semana.

Milleiros de persoas concentráronse hoxe en 28 cidades e vilas arredor da Galiza, respondendo á convocatoria da coordinadora Palestina.gal, “en prol do pobo Palestino e contra o xenocidio e apartheid que lle infrinxe o Estado israelí”, indican na convocatoria.

Estas concentracións súmanse ás decorridas o sábado e o domingo pasado en cidades por todo o mundo, onde se reclamou o final da ocupación israelí de Palestina.

A pesar das condicións xeradas polo colonizador, “expulsando millares das súas casas, dos seus traballos e das súas terras, impondo embargos e bloqueos ilegais, impedindo calquera desenvolvemento normal da vida”, nesta semana, “esa política criminal está a atinxir novos níveis de barbarie".

"E dicimos isto conscientes de que a vida en cada rúa e cada morada da Palestina é xa insufríbel todos os días, sen excepción”, destaca a entidade, que organiza as accións en defensa de Palestina na Galiza.

Non ficar impasíbeis

“Nós, a millares de quilómetros, non podemos ficar impasíbeis. Porque é de xustiza apoiar a causa de Palestina e porque temos ferramentas para actuar”, explica a coordinadora, que detalla dúas vías para actuar desde a distancia.

Por un lado salienta a importancia da mobilización social e a condena pública á actuación de Israel, xunto á defensa do dereito de autodeterminación de Palestina, “mais tamén desmascarando os estados que apoian ou que evitan condenar as agresións sionistas empregando fórmulas de equidistancia cada vez máis ridículas e indignantes. A comezar polo Estado español”, indican.

Pola outra banda, a coordinadora solicita a participación activa na campaña de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel, que implica deixar de comprar produtos fabricados alí, exixir “a institucións e empresas que cesen os contratos e colaboracións con entidades israelitas” e facer presión á comunidade internacional para que impoña sancións a Israel.