A moza foi tirada ao chan desde unha altura de 12 metros

Galiza mobilízase contra a agresión a unha transexual en Lugo

Concentración na Coruña contra a gresión de Lugo. Foto:@rogilce

Galiza ven de acoller este sábado cinco concentracións en solidariedade cunha  moza transexual en Lugo e de rexeitamento ás agresións a este colectivo.

 

As mobilizacións de repulsa contra a agresión a unha moza transexual en Lugo sucédense por toda Galiza. Se na tarde de onte máis dun cento de persoas se mobilizaban en Lugo para condenar eses feitos e denunciar a “pasividade” das institucións diante do aumento da violencia contra o colectivo LGTBI, no serán deste sábado as concentracións chegaban as cidades da Coruña, Pontevedra, Compostela e Vigo.

A primeira das concentracións celebrouse ás 18:00 horas na coruñesa praza do Obelisco. A segunda delas, tivo lugar ás 19:00 horas na praza da Peregrina de Pontevedra. Rematando, a xornada de protesta en Compostela, Vigo e Ourense ás 20:00.

Os colectivos organizadores das concentracións de hoxe denuncian o aumento das agresións contra o colectivo e a impunidade coa que actúan os agresores. A este respecto, algúns analistas destacan que o incremento da LGTBIfobia non se pode separar do avance electoral da extrema dereita.

A nova agresión contra outro membro do colectivo LGTBI produciuse o pasado domingo. Segundo sinalaron as autoridades, unha moza de 23 anos foi arroxada á rúa deste o alto da muralla por un mozo de 24 anos con quen partillara unha conversa pola zona dos viños de Lugo.

A vítima na UCI

A rapaza tirada ao chan desde unha altitude de 12 metros atópase ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Universitario Lucus Augusti. O primeiro en dar noticia do carácter LGTBIfobia da agresión foi unha familiar da propia vítima. Este, en declaracións ao xornal, El Progreso sinalou que “intentou matala por ser transexual”.

O presunto autor da agresión atópase actualmente en liberdade, após comparecer no xulgado acusado de tentativa de homicidio, coa prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima e coa obriga de comparecer semanalmente no xulgado.

As autoridades agardan a recuperación da moza para tomarlle declaración, confirmar que o mozo en vixilancia é o autor da agresión e aclarar algúns  supostos do acontecido. A este respecto, fontes policiais sinalaron a Nós Diario que o testemuño da moza será probabelmente en sede xudicial.