Galiza manterá a obriga da máscara no deporte en praias e zonas urbanas

Unha persoa corre en solitario e con máscara na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O uso da máscara será obrigatorio na Galiza para o deporte en zonas urbanas, aínda que a norma estatal o exima. 

Levar máscara na Galiza cando se practique deporte en zonas urbanas, nas praias ou cando haxa aglomeracións, seguirá a ser obrigatorio. O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, indicou esta quinta feira 8 de abril, após a reunión semanal do Consello da Xunta, que a asesoría xurídica avala que a Galiza sexa máis restritiva nesta petición que o que dita a norma estatal. Sinalou que se pediu un informe á asesoría xurídica, que determinou que "si" se pode exixir a máscara no deporte. "E ímolo exixir", manifestou, detallando que se pedirá este elemento de protección en zonas urbanas e nas praias para a práctica deportiva.

O acordo do consello Interterritorial do Sistema de Saúde contempla que as máscaras non serán de uso obrigatorio cando se realice un "esforzo físico intenso", de carácter non deportivo, ao aire libre e de forma individual, a condición de que se manteña 1,5 metros de distancia.

Desta forma, quedará modificada a lei de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, coñecida como lei de 'nova normalidade', aprobada o pasado 18 de marzo no Congreso dos Deputados e publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) na pasada teza, estabelecendo a obrigatoriedade de utilizar máscaras en todos os lugares e circunstancias.

Ademais, no documento aprobado polo consello interterritorial sinálase tamén, mantendo sempre a distancia de seguridade, que non será obrigatorio usar máscara nos períodos de descanso antes ou despois do baño ou a práctica de deporte no medio acuático, na contorna do mesmo, durante o baño e durante a práctica de deporte. Precisamente, no ámbito do deporte será onde actúe a Xunta para manter a obrigación actual de usar a máscara.

O acordo do consello interterritorial di que non será obrigatorio o seu uso nas actividades de socorrismo ou rescate cando requiren acceder ao medio acuático, e nos períodos estritamente necesarios para comer ou beber, en lugares nos que estea autorizado.

A máscara si será obrigatoria durante o paso polos accesos a praias, lagos e demais contornas naturais; no paseo á beira do mar e dos demais contornas acuáticas; nos vestiarios de piscinas públicas ou comunitarias, salvo nas duchas; e cando se permaneza no exterior ou interior de establecementos de hostalaría fóra dos períodos necesarios para comer ou beber.

Tamén se pronunciou respecto diso esta quinta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen indicou que, no seo do consello interterritorial, Galiza volveu defender a obrigatoriedade do uso da máscara cando o deporte se practicase pola rúa con outros transeúntes. "Non digo unha pista forestal", aclarou, nunha entrevista na Radio Galega.

"É totalmente inaudito e non se poden dar estes pasos. O argumento da ministra é que como a lei está así non se pode cambiar", reprochou Comesaña, quen lembrou que si se van facer axustes na lei estatal para outras cuestións como estar tombado na area ao sol.

O titular da Administración sanitaria galega apuntou que a Xunta manifestou na reunión que esa 'lei de normalidade' "corresponde a tempos pasados" e, por tanto, "o que ten que facer a ministra é cambiar a lei". En todo caso, Galiza xa traballa para esixir este uso da máscara na práctica deportiva, adiantou o titular da Xunta.