A Xunta mantén o horario do toque de recoller de 23:00 a 6:00 e desbota o peche perimetral da Galiza

Un mozo por unha rúa da zona vella de Compostela (Foto: Arxina)
O conselleiro recoñece a súa "preocupación"  pola situación de Compostela, Verín e O Carballiño, ás que engade as áreas de Vigo e Ferrol. "Está nas nosas mans que o Nadal non sexa tan malo como algúns auguran", dixo.
En ampliación

A Xunta mantén o horario do toque de recoller de 23:00 a 6:00 horas decretado polo Goberno español o pasado domingo para todo o Estado con carácter xeral e que cada comunidade pode adaptar.

Así o anunciou hoxe o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, nunha rolda de prensa acompañado do xerente do  Servizo  Galego de  Saúde (Sergas), José Flores, e da directora  xeral de  Saúde Pública, Carmen Durán  Parrondo, para informar dos asuntos tratados na reunión comité clínico desta semana.

Comesaña subliñou que na Galiza "haberá restricións de mobilidade nocturna" e apelou aos cidadáns para cumprilas. Ademais, lembrou que nesta pandemia está a morrer xente. "É hora de tomar en serio as  restricións", sentenciou.

O conselleiro recoñece a súa "preocupación"  pola situación de Compostela, Verín e O Carballiño, ás que engade as áreas de Vigo e Ferrol.

A Consellería de  Sanidade manterá as medidas de restrición vixentes con motivo da pandemia pola Covid-19 e seguirá unha "estratexia de monitoraxe continua" durante unha semana antes de estudar novas medidas no caso de ser necesarias.

A doutora Durán  Parrondo explicou que "preocupa" a situación en comarcas como a de Santiago, Ferrol "especialmente", Pontevedra, Vigo, Ourense, O Carballiño, Verín e Lugo, tras un "empeoramento en catro días" rexistradona galiza, dun 20%, "a pesar de ser a cuarta comunidade con menor incidencia acumulada".

Por iso,  Sanidade expón unha "estratexia de monitoraxe continua de todas estas comarcas" e "se se constata un empeoramento esta semana", puntualizou Durán  Parrondo, "a comisión clínica terá que actuar en consecuencia e poñer en marcha medidas necesarias".