Galiza paraliza o plan para aumentar a protección ao lobo ibérico

Algúns territorios opóñense á protección do lobo ibérico. (Foto: Xunta de Castela e León)

O país uniuse a Cantabria, Asturias e Castela e León nesta reivindicación para frear a proposta do Ministerio de Transición e Ecoloxía. No entanto, os colectivos ecoloxistas estaban a favor da proposta do Estado.

Galiza, xunto cos territorios de Asturias, Cantabria e Castela León, paralizaron esta sexta feira a proposta do Ministerio de Transición e Ecoloxía e Reto Demográfico para incrementar a protección sobre os lobos ibéricos. Conseguiron o apoio do resto de representantes autonómicos para non eliminar da orde do día do Grupo de Traballo do Lobo este debate.

As catro teñen os seus propios plans de xestión das poboaciones máis amplas desta especie e estiveron en contra de integrar ao lobo nun listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre).

En consecuencia acordouse elaborar un texto novo coas aportacións chegadas desde Galiza e outras zonas ao respecto, pois “a necesidade dunha estratexia nacional é e debe ser compatíbel cos actuais plans de xestión” de cada territorio.

Non hai que esquecer que a posíbel protección recibe moitas críticas desde o sector gandeiro.

A este respecto, desde o Executivo cántabro incidiron en que a intención non é que se extinga o lobo ibérico, “mais tampouco o gandeiro”.

Fálase así polas alusións aos ataques que estes animais teñen feito nas granxas, quer en Galiza, quer en outros lugares. A representación galega no grupo aliñouse co discurso de que protexer á especie poría en “grave risco” o equilibrio e mantemento das “explotacións gandeiras familiares”.

Pola contra, colectivos como Adega xa amosaran o seu apoio á iniciativa ministerial. De feito, a entidade ecoloxista chegou a enviar unha carta secundando a idea.