A Galiza lidera o avellentamento da poboación tamén nas zonas costeiras

Nos concellos costeiros de menos de 5.000 habitantes só hai 30 crianzas e adolescentes por cada maior de 65 anos de idade. (Foto: Nós Diario)
O avellentamento da poboación non é exclusivo do interior da Galiza, como puidera pensarse, pois tamén afecta a zona costeira, mesmo aquela máis urbana. Por cada adolescente ou crianza hai dúas persoas de máis de 65 anos.

Onovo ministro de Sanidade e ex delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, resaltaba onte nunhas xornadas sobre pensionistas que o envellecemento da poboación é "un claro síntoma" de benestar sanitario e social. Unha afirmación que en principio partilla Isidro Dubert, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago (USC) —"o avellentamento non é malo, efectivamente"—, mais á que engade, en conversa con Nós Diario, unha interrogante para mostrar a outra cara desa realidade: "Por que aquí hai tanto vello? Onde van os novos?", cuestiona. 

A pregunta de Dubert liga con algunhas das conclusións do Informe anual de indicadores 2022 que vén de publicar o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e no que se aborda a problemática da mingua da poboación moza nas zonas costeiras do Estado español. A Galiza lidera o envellecemento das áreas costeiras. Só Asturias presenta un peor rexistro. Nos concellos costeiros galegos, hai 54 menores de 15 anos de idade por cada 100 maiores de 65. No Estado español, a media é de 79 persoas con menos de 15 anos por cada 100 de máis de 65.

"Estamos ante un problema que non é exclusivo do rural interior, como se pode pensar, senón que é xeral, de toda a Galiza e que é dunha magnitude preocupante", apunta a Nós Diario Rubén Lois, catedrático e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. 

Causas

A cuestión atinxe concellos costeiros urbanos —a taxa aí é de 56 habitantes de menos de 15 anos por cada 100 maiores de 65—, mais deixa especial pegada naqueles municipios do litoral da Galiza que teñen menos de 5.000 habitantes. Aí a taxa é de  29,5 por cada 100.

"Podemos falar de avellentamento todo o que se queira, mais non se explica ese fenómeno sen falar de emigración e sen ter en conta a realidade económica e social da Galiza", enfatiza Dubert.

Perda de poboación moza

A poboación galega menor de 15 anos reduciuse 40% desde 1990. A Galiza é un dos territorios que máis acusa o descenso da poboación infantil no Estado español, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). As persoas entre cero e 14 anos representan 11,4% da poboación total galega, 3,1% menos que a media estatal.

Aínda que todas as comunidades autónomas experimentaron descensos "considerábeis" nesta variábel desde que en 1990 o Estado español asinou e ratificou a Convención dos Dereitos do Neno, nalgunhas autonomías a caída foi "particularmente acusada". Na Galiza, así como en Canarias e Asturias, a proporción de poboación de menos de 17 anos reduciuse máis de 40% entre 1989 e 2021.

A persistencia destas diferenzas territoriais leva mesmo a entidades como o think tank da banca Funcas a apuntar que con este escenario "o patrón de desigualdade territorial tenderá a consolidarse" xa que "onde hai máis familias con crianzas desenvolveranse máis os seus servizos (escolas, parques, centros de saúde pediátrica)", mentres que nos lugares con escasa presenza de crianzas "debilitarase ese tecido de servizos e de relacións sociais". 

Conclúe este organismo que "reverter esta tendencia require tempo e investimentos públicos e privados". Para Rubén Lois tampouco se pode disociar o avellentamento ou despoboamento na Galiza da ausencia ao longo de todos estes anos de "políticas económicas que aposten polo emprego e a fin da precariedade" así como polos "servizos públicos".

Perspectivas

Só 25 concellos, situados na área metropolitana das cidades do país, non perden poboación. Na Galiza hai un total de 313 municipios, polo que case 290 van perdendo habitantes. Desde o ano 2000, e segundo o padrón municipal de habitantes, a poboación residente na Galiza reduciuse en 1,3% ao tempo que aumentaba no conxunto do Estado español. As proxeccións de poboación do Instituto Nacional de Estatística din que esta tendencia vaise acentuar: de hoxe até 2037 a Galiza perderá case 40.000 habitantes mentres que o Estado español gañará perto de 4,2 millóns.

Así, desde o ano 2000 até o ano 2022 o número de galegas e galegos de menos de 20 anos reduciuse en 88.000 ao tempo que aquelas e aqueles de máis de 65 anos aumentaron en 130.000.

Até o propio Goberno galego no seu Plan estratéxico da Galiza 2022-2030, elaborado pola Consellaría de Facenda e Administración Pública, estipulaba que “para o ano 2035, prevese que a poboación da Galiza diminuirá de 2,6 millóns a perto de 2,3 millóns de habitantes”. Neste sentido, asúmese por parte do Executivo galego unha caída de 12,6% en relación cos residentes da actualidade.

"Non houbo políticas para evitar esta situación"

Isidro Dubert móstrase moi crítico cos discursos que falan sobre avellentamento ou despoboamento da Galiza "así, sen máis" e sen abordar causas dunha situación que "non cae do ceo". O  catedrático da Universidade de Santiago lembra que para entender o porqué destas realidades "hai que ir á orixe, e son causas sociais e económicas". Sinala a emigración, "coa que perdemos miles de mozos e mozas que xa non van ter fillos aquí". E sinala, tamén, os que non emigran e quedan, "cun panorama de precariedade laboral, salarios baixos... Quen vai ter fillos así?".

Rubén Lois pon o foco en que moitos países europeos conseguen reducir o avellentamento das súas sociedades e a perda de poboación grazas á inmigración. Mais na Galiza, "costeira ou non", a porcentaxe de inmigrantes é moito máis baixa que a Estatal ou europea. "Non ven oportunidades aquí".