Galiza, líder en importación de produtos agrícolas e pesqueiros

O sector agroalimentario de Galiza depende dos produtos e materias primas procedentes do exterior. Esa é a principal conclusión que se extrae do último informe da Secretaría de Estado de Comercio. Debruzámonos sobre este tema no Sermos214. Eis un avanzo.

Desde tempos inmemoriais, unha das críticas –para outras persoas son simples diagnósticos- que se fan ao sector primario galego ten a ver coa súa cativa capacidade para se afortalar internamente a través da consolidación dun mercado interior sólido e da organización inequívoca da súa infraestrutura produtiva. Hai certa verdade nesa afirmación, mais por si mesma non é quen de explicar o gran problema do sector primario galego, abafado polas decisións que emanan da Unión Europea –o lácteo e as cotas de peixe son só dous exemplos, aínda que ben dramáticos- e tamén pola súa incapacidade para posicionar ben os seus produtos nun mercado mundializado.

Efectivamente, hai síntomas que indican que o sector primario galego non está todo o desenvolvido que debese e que o peso na súa economía das actividades profesionais que se tiñan por referentes non é tan determinante como semella. Ou, cando menos, que a dinámica dun mercado globalizado non favorece en absoluto os intereses do tecido produtivo primario propio.

A priori –os dados obxectivos non deixan lugar a dúbidas- a pesca e mais a agricultura teñen unha importancia vital na economía galega. Entre ambas as dúas representan o 4,6% do Produto Interior Bruto e empregan máis de 71.000 persoas, segundo os dados do Instituto Galego de Estatística. Non é, porén, Galiza a comunidade autónoma co sector primario máis importante. En CastillaLa Mancha, cun 6,7%; Extremadura, cun 5,6; Aragón, cun 5,2%; La Rioja, cun 4,9% e Andalucía, con só unha décima menos, o peso da agricultura e a pesca –no caso dos territorios costeiros- na súa riqueza é maior.

Mais a realidade dos números di que mesmo naqueles produtos máis vencellados á economía local existe unha forte dependencia no subministro de materias primas ou de produtos procedentes da transformación das mesmas. É dicir, a balanza comercial dos alimentos ou materias primas que con maior intensidade se identifican co modelo produtivo galego é negativa. Esta é a principal diferenza de Galiza en relación co resto dos territorios cun peso do sector primario igual ou superior ao 4% dos seus respectivos PIB.

A reportaxe completa podes lela no Sermos Galiza nº214, xa na nosa loxa