Galiza inaugura a ponte con restricións renovadas

Os bares traballaron con bastante intensidade na súa reapertura. (Foto: Arxina)
Coincidindo co inicio da ponte da Constitución Galiza estreou unha nova fase de desescalada baseada en catro niveis de restricións renovados. Os límites fixados pola Xunta contemplan feches perimetrais, reunións de non conviventes e o regreso á actividade da hostalaría, moi agradecida coa solidariedade da 
súa clientela.

Galiza inaugurou o novo plan de desescalada da Xunta coincidindo co inicio da ponte de decembro e o feche perimetral de todo o territorio, vixente até a medianoite da vindeira cuarta feira, día 9.

A mellora dos parámetros epidemiolóxicos na segunda metade de novembro levou ao Goberno galego a decretar o inicio dunha nova desescalada das medidas implantadas hai un mes. Desta maneira, o Executivo definiu catro niveis de restricións e actualizou as limitacións operativas en cada unha delas co fin de garantir unha apertura progresiva das diferentes zonas en función da incidencia acumulada do coronavirus a 14 días, entre outros indicadores.

Con carácter xeral, as novas condicións contemplan as xuntanzas de persoas non conviventes, a reapertura da hostalaría e os feches perimetrais. Segundo os niveis de restrición, os números varían, referidos tanto ás reunións de persoas como á capacidade e os horarios dos locais de hostalaría.

Santiago, Ames e Teo, xunto a Ourense, Barbadás e Pereiro de Aguiar son as dúas primeiras grandes áreas en estrear as limitacións máis laxas anunciadas pola Xunta, correspondentes ao nivel básico de restricións. A canda estes dous conxuntos, A Estrada e Ares. A hostalaría volveu abrir as portas até as 23 horas, cunha capacidade de 50% no interior dos estabelecementos e 75% na terrazas, cun máximo de seis persoas por mesa, conviventes ou non, que tamén teñen liberdade para se reunir tanto no ámbito privado. Son ademais, os primeiros concellos en prescindir do feche perimetral. Desde a pasada medianoite, 24 horas despois da estrea do novo plan, Neda, Fene, Burela, Oleiros, Lalín e Oroso gozan tamén das condicións do nivel básico.

Restricións máximas

Todos os demais municipios ou grupos de municipios para os que o Goberno acordou prohibir a entrada e saída da poboación, o feche perimetral continúa activo. Neste momento afecta a medio cento de concellos, aos que se sumou Boiro coas limitacións máximas. O nivel máis severo de restricións contempla só a apertura das terrazas a 50% até as 17 horas, cun máximo de catro persoas por mesas conviventes ou non, o mesmo límite que opera para as reunións de persoas tanto no ámbito público como privado.

Primeiro día da nova fase

Na primeira xornada operativa coas novas limitacións, moitas miradas dirixíronse cara á raia con Portugal, onde os vehículos que circularon pola fronteira fixérono sen controis policiais de ningún tipo. Preguntado ao respecto, o delegado do Goberno, Javier Losada, defendeu que as fronteiras como tal "non están fechadas", senón a Galiza, polo que lembrou a quen entre no territorio "que non pode pasar de Tui", do contrario, terán que respectar as restricións mais as excepcións previstas pola norma.

Losada subliñou que haberá 132 patrullas móbiles durante esta ponte para atender as indiccións da Xunta e estabelecer os controis necesarios.

Ganas de hostalaría

Doutra banda, a hostalaría recibiu con ánimo o regreso á actividade, especialmente en Santiago e Ourense. "A xente está respondendo moi ben, e temos traballo, a verdade. É incríbel, a solidariedade e as ganas por parte da clientela", afirma a Nós Diario Lois Lópes, voceiro de Hostalaría Compostela. Con todo, advirte, "hai xente que con estas limitacións se lle fai moi difícil abrir", explica en alusión aos que noutras áreas teñen que fechar ás cinco da tarde ou non dispoñen de espazo para atender o público coa barra clausurada. Todos os que poidan está claro que o van facer. Porque non se trata de rendibilidade, senón de liquidez inmediata para facer fronte ao pagamento dos gastos adquiridos".

Co obxectivo de garantir unha volta segura á actividade, persoal do sector hostaleiro de Ourense poderá participar nos vindeiros días, de forma voluntaria, nun cribado do que a dirección da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras acordou  o Sergas informou ás asociacións profesionais con representación na cidade das Burgas.