A hostalaría está de volta: que se pode facer e até que hora

As terrazas fecharon a mediados de novembro en Sanxenxo (Foto: Europa Press)
Cafetarías, bares e restaurantes poden volver a abrir desde esta sexta feira en toda Galiza, mais as condicións en que o farán dependen do concello no que se asenten e da incidencia do coronavirus nesa zona, segundo recolle o plan deseñado pola Xunta para rebaixar as restricións, que estabelece catro distintos niveis en función da situación epidemiolóxica

O avance da pandemia foi o que levou, hai un mes, a fechar a hostalaría e a mobilidade nas sete cidades e noutros 53 concellos, que foron variando nas últimas semanas. As novas pautas da Consellaría de Sanidade marcan distintas condicións de actividade, reunión e tránsito, que se aplican por municipios ou por conxuntos de municipios agrupados a día de hoxe en confinamentos perimetrais.

Dos que rexían até esta semana, os únicos que se levantan son os que limitaban a mobilidade na área que forman Compostela, Ames e Teo, e en Ourense, Barbadás e Pereiro de Aguiar. En todos eles recupérase a libre circulación de entrada e saída, como tamén en Ares e A Estrada. Nestes oito concellos a situación volve ser a de antes das restricións duras, e que opera en numerosos municipios do rural, no Carballiño e, desde a semana pasada, en Verín, Amoeiro, Monforte, Campo Lameiro, Vedra, O Pino, Mugardos, Toén, San Cibrao e Viveiro

Até as 23 horas

En todos eles, as reunións sociais permitidas poden chegar até as seis persoas non conviventes tanto en espazos interiores, públicos ou nos negocios hostaleiros. Estes poderán funcionar até as 23 horas –o límite fixado no toque de recoller, que se mantén– cunha ocupación no interior de 50% do espazo e de 75% na terraza.

Esas son as únicas localidades nas que a última orde da Xunta –en espera do que poida ditaminar mañá, após a nova xuntanza co comité clínico– varía as posibilidades de mobilidade.

No resto de concellos afectados polas normas reforzadas das últimas semanas a prohibición de entrar e saír dos perímetros fixados, agás por causas xustificadas de traballo, docencia, coidados ou saúde, seguen igual que até agora.

A Xunta marca un segundo grupo de concellos, que sitúa dentro das medidas de restrición "media", nos que cafetarías, bares e restaurantes tamén poderán abrir desde esta sexta feira até as 23 horas, aínda que con maiores limitacións na capacidade, que se reduce a 40% dentro dos locais e 50% no exterior. Así ocorrerá na Coruña e nos concellos limítrofes nos que funciona o perímetro de confinamento: Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo.

Igualmente, en Burela, Laxe, Silleda, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade, que manteñen as restricións de entrada e saída, a hostalaría abrirá até as 23 horas coas mesmas especificacións. En todos eles, o máximo de persoas por grupo será de seis, conviventes ou non. 

Até as 17 horas

Os demais municipios nos que existen restricións reforzadas e prohibición de mobilidade terán limitado o horario da hostalaría, polo de agora, até as 17 horas e restrinxidos os grupos a un máximo de catro persoas. Tamén neste conxunto existen diferenzas en función da situación epidemiolóxica de cada concello, que afecta ás posibilidades de usar ou non o interior dos negocios e á ocupación das terrazas.

Non poderán abrir máis que a terraza, e só até media tarde e a 50% da súa capacidade, en Pontevedra, Poio e Marín –teñen fechamento perimetral conxunto–, no Grove e Sanxenxo, en Carballo e Laracha e nos concellos de Tui, Ponteareas, Moaña, Vilalba, Narón, Redondela, As Pontes, Porriño e Cambados, por teren as maiores cifras de incidencia acumulada, segundo a Xunta.    

Tamén até as 17 horas, pero coa posibilidade de usar un terzo do local e 40% da terraza poderá funcionar a hostalaría en Ferrol, xunto con Fene e Neda; en Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar; en Vilagarcía e Vilanova de Arousa; en Coristanco, Cabana, Malpica e Ponteceso; en Meis, Meaño e Ribadumia, e en Cee, Dumbría e Muxía –todos eles fechados ao tránsito por agrupacións–. A mesma situación terán, polo momento, Lugo, Lalín, Cangas, Oroso, A Guarda, Vimianzo, Ribadavia e Xinzo de Limia.