A Galiza sae do estado de emerxencia sanitaria con 416 casos activos e 28 novos contaxios

Cribado con tests de antíxenos no pavillón O Aguillón da Rúa de Valdeorras. (Foto: Xunta da Galiza).

A Galiza rexistra unha mellora da maioría dos indicadores da Covid-19 na xornada na que abandona o estado de emerxencia sanitaria cun descenso dos casos activos a 416 -cinco menos-, así como nos pacientes hospitalizados a 26 -tres menos- e mantense con 28 novos contaxios. Pola súa banda, a taxa de positividade repunta a un 2,17%.

Segundo os datos actualizados esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta, continúan oito persoas hospitalizadas pola Covid en UCI e descenden a 18 as ingresadas noutras unidades -tres menos-, mentres que 390 pacientes están en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en tres: A Coruña-Cee, Vigo e Lugo; mentres que se mantén sen cambios nas outras catro: Ourense, Ferrol, Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza.

En concreto, na da Coruña e Cee, aínda que seguen tres pacientes Covid en UCI, descenden a sete os ingresados noutras unidades -un menos-, e na de Vigo continúa un en críticos e baixan a catro os de hospitalización convencional -un menos-

No caso da área de Lugo, mantéñense tres pacientes ingresados pola Covid en UCI e xa non quedan hospitalizados noutras unidades, cando a xornada anterior había un.

Polo seu lado, mantéñense sen cambios na área de Santiago e Barbanza, que segue sen ingresados en UCI, e tres en planta; e na de Ourense, sen críticos e con dous noutras unidades.

Tamén a área sanitaria de Ferrol mantense sen pacientes en UCI e con dous ingresados en planta; mentres que na de Pontevedra e O Salnés hai só un hospitalizado en críticos.

Menos casos activos

Os casos activos descenden por segunda xornada consecutiva despois de dous días seguidos previos de lixeiro aumento e afronta a saída de emerxencia sanitaria con 416, que supoñen cinco menos, ao haber máis altas (32), que novos contaxios (28), ao que se suma un falecemento.

As infeccións activas aumentan en tres do sete áreas sanitarias: Ourense (+7), Pontevedra e O Salnés (+3) e Ferrol (+1); baixan nas de Lugo (-7), Vigo (-6) e A Coruña e Cee (-3), mentres que se mantén sen cambios a de Santiago e Barbanza.

Por iso, a área da Coruña e Cee continúa como a única por encima do centenar de casos, con 135; seguida da de Vigo, con 71; Santiago e Barbanza, con 68; Pontevedra e O Salnés, con 47; Ourense, con 44; Lugo, con 30; e Ferrol continúa á cola, con 21.

Menos de trinta contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por baixo da trintena con 28, os mesmos que o día anterior, após ascender a 33 a cuarta, despois dos 23 da terza e iniciar a semana con 21. A segunda feira 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que a Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

Nas últimas 24 horas confirmáronse 30 positivos a través de Probas de Detección de Infección Activa -algún coincide con contaxios xa detectados que volven dar positivo-. Deles, 12 corresponden á área de Ourense; sete, á de Pontevedra e O Salnés; catro, á da Coruña e Cee; dous, á de Vigo; outros dous, á de Lugo; e dous, á de Santiago e Barbanza; mentres que na de Ferrol houbo un.

En toda a Galiza fixéronse 2.880.754 PCR desde o inicio da pandemia, 1.783 máis que as efectuadas até o día previo e unhas 688 menos que as realizadas a xornada pasada.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- aumenta a un 2,17%, após subir ao 1,09% o día anterior, despois de descender ao 0,48% a cuarta, incrementarse a terza ao 0,84% e comezar esta semana cun 0,51%. No entanto, mantense por baixo do 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

Persoas falecidas

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o comezo desta crise sanitaria ascenden a 2.649, após notificar na quinta feira a Consellería de Sanidade unha nova vítima.

Este óbito corresponde a un home de 84 anos de idade ingresado no Hospital Público da Mariña, que contaba con patoloxías previas, segundo concretou Sanidade.