Urxen a Xunta a fechar as granxas de visóns para evitar unha "bomba pandémica"

Un visón nunha granxa de cría (Foto: WWF)

Ecoloxistas urxen a Xunta a fechar de inmediato as granxas de visóns para evitar unha "bomba pandémica", após detectarse o primeiro surto de SARS-CoV-2 en visóns na Galiza, nunha granxa da Baña. 

A Xunta informou o Minsiterio de Agricultura, Pesca e Alimentación do primeiro surto de coronavirus detectado nunha granxa de visóns na Galiza. Fíxoo onte, quinta feira 21 de xaneiro. O gromo atópase nunha instalación situada na Baña e trátase do segundo caso detectado no Estado, logo dun surto localizado Teruel o pasado mes de xullo.  

Para a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) “a única forma de desactivar con eficiencia a bomba pandémica que supoñen as granxas de visón americano é decretar a súa inmediata clausura”. O colectivo ecoloxista considera que a Xunta da Galiza debe exercer as súas competencias en medio ambiente e sanidade animal e resolver o fechamento cautelar destas instalacións. 

Pola súa banda, o Goberno do Estado en aplicación das medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma pola pandemia de COVID-19, pode en atención ao risco sanitario que representan, imitar o feito por Dinamarca e clausurar as granxas de visón, considera ADEGA.

Pregúntanse no colectivo que acontecerá de non se tomaren “estas drásticas medidas” ante unha posíbel fuga de animais de granxas infectadas, ou como garantir que non van supor un foco de novas variantes do virus que poderían comprometer a eficacia dos programas de vacinación se chegan a saltar ás persoas.

Segundo relata ADEGA nun comunicado esta sexta feira, 22 de xaneiro, en Europa, principalmente en Holanda e Dinamarca, foron numerosos os casos de coronavirus en granxas de visón que provocaron no caso danés o fechamento de todas as instalacións (1.200 granxas) e o sacrificio de millóns de visóns. Mesmo se chegaron a documentar transmisións de visóns a humanos en granxas, e a aparición de novas cepas do virus, o que converte estas instalacións nunha bomba pandémica en potencia.

O colectivo acusa a Xunta de “sempre” amosarse “reacia a controlar e limitar a expansión gas granxas de visón”. A súa permisividade, din, “fixo da Galiza un paraíso para este negocio cando en Europa moitos países estabelecían moratorias ou puñan data de caducidade a estas explotacións”.

Xa en plena pandemia da Covid-19, a Xunta malia a ter competencias plenas en gandaría, “volveu descargar no Estado a responsabilidade de tomar medidas nas granxas contra o coronavirus”, din, sinalando que desde o pasado setembro o Goberno galego aplica un programa estatal de prevención da Covid-19 nas granxas que só prescribe análises (control pasivo) se hai visóns con síntomas compatíbeis ou algún das e dos operarios tivo un diagnóstico positivo. Así até novembro de 2020 das 26 granxas de visón galegas só se fixeran controis en catro (todos negativos), segundo indica o colectivo ecoloxista, malia que desde xullo os casos da Covid-19 en visóns disparáronse por toda Europa.