Unha granxa de visóns da Baña rexistra un foco de Covid-19

Visóns americanos nunha xaula. (Foto: WWF)
A Xunta informa da situación ao Ministerio de Agricultura e nos próximos días serán sacrificados todos os animais, por volta de 3.100.

Unha granxa de visóns situada no concello da Baña rexistrou un foco de positividade do SARS-CoV-2, un caso que a Xunta comunicou esta quinta feira ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Trátase do segundo caso de infección por SARS-CoV-2 en visón americano no Estado español, logo do detectado no pasado mes de xuño nunha granxa da provincia de Teruel.

A Consellería do Medio Rural informou deste foco que, segundo detalla, foi detectado en aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade neste tipo de explotacións de visón americano.

A Xunta detallou que a explotación, na que se confirmou "circulación viral SARS-CoV-2", permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural após a detección do foco nos controis que se realizan no marco do plan de prevención neste tipo de explotacións.

Ademais, nos próximos días, "en aplicación da normativa legal vixente e co obxectivo último de preservar a saúde pública", a Xunta informou de que levará a cabo o sacrificio de todos os animais da explotación, que conta con 3.100 visóns (2.500 femias e 600 machos), así como de medidas de desinfección e control do brote.

Na actualidade hai un total de 25 granxas activas de visóns na Galiza, cun censo de 69.186 reprodutoras. Con estes datos, conta coa maior parte do volume de negocio do sector no Estado tendo en conta que "tres cuartas partes" do total de explotacións sitúanse na Comunidade galega.

A Consellería do Medio Rural explicou que, desde as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en relación con explotacións infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo contacto permanente co sector peletero galego e trasladoulle información actualizada sobre a situación.

A Asociación Ecoloxista Adega alertaba en novembro de que a presenza dunha importante industria de cría de visóns na Galiza está a pór o país nunha situación de maior risco de dispersión do coronavirus. Ante esta situación, a entidade solicita á Xunta que ordene a clausura destes negocios que tamén implican “un elevado risco biolóxico”.