Galiza pasa á Fase 3 do desconfinamento

Bañistas na ribeira do río Miño en Lugo (Carlos Castro/EP).
O Goberno español vén de anunciar que a vindeira segunda feira, día 8, toda Galiza avanza até a Fase 3 (e última) do plan de desconfinamento. A Xunta xestionará a partir de agora a mobilidade e prevese que permita a circulación por todo o país.

Galiza entrará a vindeira segunda feira na Fase 3 do plan de desconfinamento deseñado polo Goberno español, o último paso cara a "nova normalidade" que trae consigo a crise da COVID-19. A medida máis reclamada, a autorización para a mobilidade por todo o país, queda agora en mans da Xunta, que xestionará desde o día 8 as medidas a aplicar.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, trasladou na rolda de prensa posterior á reunión do Consello Ministras, no que se deu luz verde á última prórroga do estado de alarma, que as catro provincias galegas avanzan cara a última das fases.

Nesta fase, que supón un novo alivio nas restricións para a cidadanía, o Goberno español permite que sexan os presidentes dos Gobernos autonómicos os que dirixan a mobilidade no interior de cada territorio. Por iso, prevese que a Xunta autorice aos galegos a moverse entre as catro provincias ao ser unha medida que xa solicitara no paso á Fase 2.

"Afrontamos a recta final dunha desescalada que nos permitirá volver recuperar a nosa vida cotiá", manifestou a portavoz do Goberno e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, que subliñou que "serán as comunidades as que culminarán este proceso" e avanzoulles a "cooperación" do Executivo estatal para iso.

Sen franxas horarias

Na Fase 3 do desconfinamento desaparecen por completo as franxas horarias e os encontros poderán ser de até 20 persoas, sempre mantendo a distancia de seguridade de 2 metros ou empregando as máscaras de protección.

Xa poderán realizarse actividades de tempo libre entre a poboación infantil e xuvenil en ludotecas cun máximo de 80 persoas en locais fechados e de 200 ao aire libre, incluídos en ambos casos os monitores ou monitoras.

A capacidade dos estabelecementos con actividades xa permitidas vai até un 50% e, ademais, permítese a apertura de casinos e locais de xogos e apostas cun límite de 50 persoas no seu interior. Os bares recuperan o uso das barras, sempre con 2 metros entre a clientela, mentres que as terrazas poderán chegar ao 75% da súa capacidade.

Tamén poderán reabrir os centros recreativos turísticos como os parques de atraccións, zoos e acuarios. Mais só se permitirá entrar ao 50% da capacidade ao aire libre e do 30% en espazos fechados.

Piscinas até o 30%

Na Fase 3 poderase empregar as piscinas para realizar deporte individual ou con dúas persoas, mantendo a distancia de dous metros. Ademais, cando a piscina se divida por canles de entenamento haberá sistemas para controlar e evitar as acumulacións para respectar sempre o límite do 30% de capacidade

As vodas, bautizos e comunións amplían até o 75% a súa capacidade cun máximo de 75 persoas en lugares fechados e de 150 en sitios abertos.

Así mesmo, os velorios será de até 25 persoas en recintos fechados e 50 nos abertos.