Galiza entra en 2023 con menos profesores que en 2009

Un centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press) #curso #coronavirus #aulas #ensino

A caída do investimento educativo déixase notar na calidade da docencia. A redución de fondos para o ensino está a provocar unha baixada do número de ensinantes. Galiza conta en 2023 con menos profesorado que en 2009.

Galiza rexistra neste ano 30.424 profesores nos diversos niveis educativos. A cifra é inferior en 15 ensinantes á do curso 2008/2009 e en 866 docentes á da anualidade 2022/2023.

Os principais recortes de persoal téñense producido entre os mestres de Infantil e Primaria, só rexistrándose aumento en Secundaria e Formación Profesional, como consecuencia das contratacións efectuadas durante a pandemia.

146 centros menos desde 2009

146 centros educativos públicos foron fechados polo Executivo galego desde 2009. Mentres a 31 de decembro de 2008, tres meses antes de que os populares retomasen a presidencia da Xunta, Galiza contaba con 1.246 centros escolares de titularidade pública a día de hoxe reducíronse a 1.082.

O profesorado enfronta unha caída continuada do seu poder adquisitivo. Neste sentido, desde a CIG, o sindicato maioritario entre o profesorado galego, denuncia que “estaremos por riba de 33% do poder adquisitivo perdido entre 2010 e 2024”.

A CIG advirte do envellecemento dos cadros de persoal dos centros educativos. Así, sinala que 5.000 ensinantes xubilaranse nos próximos cinco anos, ao situarse máis de 7.753 profesores entre os 55 e os 65 anos, e 2.657 deles, na franxa de idade entre 60 e 65.

A caída do gasto educativo

O deterioro do sistema educativo público está ligado aos continuos recortes do investimento por parte da Xunta da Galiza. Tanto é así, que nos últimos 13 anos os orzamentos do Goberno galego medraron preto de 15 puntos por encima do gasto educativo.

Galiza atópase á cola do Estado español en investimento educativo. Segundo os datos que vén de facer públicos a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) o gasto en educación por habitante na Galiza sitúase en 995 euros ao ano -60 euros por baixo da media do conxunto estatal, fixada en 1055 euros-.

A Airef certifica que só Asturias, Madrid e Castela e León gastan menos que Galiza en educación. Así, a primeira delas destina á ensinanza 899 euros por habitante, a segunda 938 euros por habitante e a terceira 958 euros por habitante.