A Galiza conta cunha enfermeira por cada 13.470 escolares

As enfermeiras son chaves para manter a calidade asistencial. (Foto: @eventuais_loita) #enfermaría #enfermeiras #sossanidade #sanidade #sergas #recortes #atenciónprimaria #precariedade
O Consello Xeral de Enfermaría (CGE) advertiu de que o Estado, de media, só conta cunha enfermeira escolar por cada 8.497 alumnos, unha cifra "preocupante" para o presidente da organización, Florentino Pérez Raya.

Na Galiza hai 29 enfermeiras para un total de 390.637 alumnos, o que supón un cociente maior do que a media estatal, ao ser dunha enfermeira por cada 13.470 escolares.

Así o recollen os datos obtidos polo Observatorio de Enfermería Escolar do Consello Xeral de Enfermaría (CGE), coa colaboración da Asociación Nacional e Internacional de Enfermaría Escolar (AMECE), Asociación Científica Española de Enfermaría e Saúde Escolar (ACEESE), representantes de distintas universidades, do Colexio de Enfermaría de Cantabria e o Instituto de Investigación Enfermeira do CGE.

"O que detectamos é que, en moitos casos, os datos non reflicten a figura da enfermeira escolar asignada a un centro de ensino, senón que se trata de reforzos esporádicos contratados pola pandemia, como é o caso de Andalucía, onde hai unha enfermeira referente que só cobre coordinación COVID para seguimento e detección de casos", expresa Guadalupe Fontán, enfermeira coordinadora do Instituto de Investigación Enfermeira.

Condicións laborais das enfermeiras escolares

Por outro lado, segundo o CGE, as contratacións, condicións laborais e dependencia funcional tamén son moi variadas, sendo na maioría dos casos dependentes das Consellarías de Educación, nalgúns casos dos servizos autonómicos de saúde, dos concellos ou de empresas privadas.

"En moitas ocasións, os contratos non son a xornadas completas senón contratacións por tempo parcial. Por iso, queremos ampliar o estudo e imos levar a cabo un proxecto de investigación máis ambicioso que detecte as necesidades desde o punto de vista dos pais, profesores e da situación real das enfermeiras escolares", comenta Fontán.

Difrenzas con outros países

O cociente de enfermeiras escolares está moi lonxe do que marca a Asociación Norteamericana de Enfermería Escolar, que á súa vez segue as recomendacións da Asociación Internacional de Enfermería Escolar: unha enfermeira por cada 750 alumnos e unha por cada 350 naquelas escolas de educación especial. En Finlandia, o cociente é aínda máis baixo e sitúase en 600 alumnos por enfermeira e en escolas de educación especial baixa a 300.