SUBSCRÍBETE A NÓS DIARIO!

Galiza, en azul e branco

Con motivo do Día da Patria Galega, Sermos Galiza. S.A. lanza o vídeo promocional de Nós Diario, coa evolución dos motivos gráficos da cabeceira deseñada por Pepe Barro. Compárteo coas túas amizades!

Vinte e cinco segundos de letras. No clip bailan os signos da escrita. Brincan os acentos todos, todas as voces están en Nós. Todas son necesarias para pintar a transversal azul da bandeira de Nós. As letras, os signos, a escrita, a materia prima de Nós Diario da man dun dos máis recoñecidos grafistas da Galiza, Pepe Barro. Isto é o que reflicte o vídeo promocional do diario en galego que verá á luz, no soporte papel e no dixital, o 2 de xaneiro de 2020.

Con esta peza audiovisual Sermos Galiza, S.A. busca aumentar o número de asinantes para ofrecer a mellor calidade xornalística posíbel tanto en papel como na rede. Podes subscribirte na seguinte ligazón, que recolle até oito modalidades para facilitar o pagamento.

Comparte o vídeo coas túas amizades a través das redes sociais, por correo electrónico e a través do whatsapp. Podes descargalo aquí!

As formas de Nós

O autor do deseño da cabeceira do diario, Pepe Barro, explica que Castelao deseña o seu ‘Nós’ “dentro da arte-nova, dentro do canon que marcara Willam Morris (1834-1896), o iniciador do estilo, que procurara as formas na tipografía e no deseño renacentista dos incunábeis, os libros impresos antes de 1500”.

Na arte-nova, engade, “todos renovan ollando o pasado e Castelao bota os ollos ás letras do Pórtico da Gloria —mesmo citando os monstros, esmagados pola pedra que contén o título ou no cabeceiro—, son as mesmas letras que aparecen en moitas inscricións medievais galegas”. Barro salienta que “reiterando o seu uso, con moitas variación formais, Castelao logra identificar estas letras co galeguismo”.

“Hoxe o novo deseño de Nós non debe repetir as formas. O nome xa fala de historia, de cultura, de galeguismo. O novo deseño debe expresar futuro e tal coma fixo Castelao usamos os códigos do noso tempo, do deseño internacional. Procuramos unhas letras con valores branco-negro semellantes ao ‘Nós’ histórico, e só revirando o acento, ampliándoo e pintándoo de azul dicimos Galiza: todos e todas ‘a nosa voz entenden’”, afirma Barro.

Castelao e Nós

A denominación Nós é unha creación orixinal de Castelao. Segundo o seu biógrafo, Miguel Anxo Seixas, Nós responde a unha encomenda do escritor Eladio Rodríguez, que en 1918 bota a andar unhas páxinas especiais sobre literatura galega no xornal coruñés El Noroeste. A denominación e a súa forma gráfica son parte do deseño da cabeceira que realiza Castelao.

Despois chegou o título do seu Álbum Nós e posteriormente, no mesmo ano da exposición pública do Álbum, pasou a dar nome á revista. En 1920, tal como apunta Vicente Risco: “O Castelao foi o padriño: o tíduo Nós pertenecíalle a il; era o do seu fermoso álbum, no que Galiza xeme, chora, maldizoa e rebélase en cincuenta sepias ademirábeles”. Co mesmo pronome plural, en 1927 Ánxel Casal nomea á súa editora: Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta.

Subscríbete!

Aínda que Nós Diario xa logrou o mínimo de 3.000 subscricións para facer viábel o proxecto dun xornal en galego que comezará a saída regular o 2 de xaneiro de 2020, precisamos aumentar o número de asinantes para ofrecer a mellor calidade xornalística posíbel tanto en papel como na rede.

Podes subscribirte na seguinte ligazón, que recolle até oito modalidades para facilitar o pagamento.