A Galiza dixital declárase "#profundamentegalega"

Mensaxe que está a distribuírse polas redes sociais. (Foto: Nós Diario)
A sentencia dunha xuíza de Marbella, que denegou a custodia dunha crianza á súa nai por vivir "na Galiza profunda", supostamente illada dos servizos e na imposibilidade de fornecer un crecemento feliz ao seu bebé, vén de xerar unha gran aldraxe a boa parte do pobo galego. Así, cancelos como #profundamentegalega triunfan nas últimas horas en Twitter como reivindicación da terra fonte aos estereotipos que se poidan ter fóra.

A Galiza principiaba esta semana cunha nova capaz de unificar os pareceres de boa parte da poboación. Unha xuíza de Marbella retiroulle a custodia do seu fillo dun ano a unha muller por considerar que reside “na Galiza profunda”, nunha localidade entre Muros e Noia.

Segundo o criterio da maxistrada, no país non existen "múltiplas posibilidades para o adecuado desenvolvemento da personalidade dun neno e para que medre nun ambiente feliz".

Mais este auto sorprendente non fixo máis que dar pé a un movemento de defensa da terra fronte aos estereotipos que poidan existir entre a xente de fóra. Sen ir máis lonxe, o BNG liderou unha desas campañas de rexeitamento contra as consideracións da xuíza.

E mentres a defensa da muller prepara a súa resposta, a sociedade galega xa está a trasladar a súa quer nas conversas de rúa, quer nas reivindicacións colectivas. Tamén a través das redes sociais.

Proba do malestar e do sentimento de pertenza que espertou a sentencia é que #profundamentegalega e #profundamentegalego son uns dos cancelos do momento en Twitter entre usuarias da terra.

Ducias de persoas están a presumir das súas localidades de orixe ou simplemente de todo o territorio a través de pequenas mensaxes que, nalgúns casos, van acompañadas de imaxes da Galiza.

"Galiza... só coñezo unha: a que nos latexa nas veas, a que nos nace das entrañas. Galiza só pode ser profunda", deixa escrito @naviarivasgz.

"Non podemos seguir consentindo esta xustiza que se aplica en base a prexuízos, galegófoba e clasista! Moi orgullosa de ser galega, crieime nunha aldea do concello de Sada, onde fun sempre moi feliz. Síntome #ProfundamenteGalega", engade @Cris_LopezS.

Aliás, sucédese o cancelo #Galizaprofunda -ou #Galiciaprofunda- e as fotografías e debuxos amosando o amor á terra. Praias, paisaxes verdes, aldeas... están tomando Twitter ao berro dixital de "#profundamentegalega".