Galiza: dez manifestacións cada día (e unha mobilización prohibida cada 10)

Manifestación do naval

Durante 2015 o Ministerio do Interior rexistrou no noso país 3.524 mobilizacións, ás que engadir as 36 prohibidas. A conflitividade laboral continua a ser o principal motor das mobilizacións.

O Anuario do Ministerio do Interior recolle que na Galiza houbo ao longo de 2015 un total de 3.524 manifestacións, cifras ás que hai que engadir as 36 que a institución española tipificou como 'prohibidas'. O que non implica que non se realizasen. Foron, logo, unhas 10 manifestacións diarias de media as que durante o ano pasado decorreron en Galiza. Unha cifra que sitúa o país entre os máis conflitivos do Estado en canto a mobilizacións. Aliás, cada 10 días tivo lugar unha mobilización prohibida por Interior.

Os sindicatos son os responsábeis do 45% das manifestacións

A temática laboral está na convocatoria de 1.489 das 3.534 manifestacións que se realizaron durante 2015, o que supón o 42% do total. Non cabe dúbida de cal é a principal motivación no noso país deste tipo de protestos. Ora ben, non é o único. No anuario do Ministerio do Interior tamén se rexistran quen son os que convocan as mobilizacións en Galiza. Os sindicatos encabezan ese rexistro, sendo responsabeis de 1.602 das 3.542 manifestacións, o 45%. A seguir figuran as 'asociacións cidadáns', que convocaron 1.574.

Neste mesmo capítulo, os comités de empresa e traballadores están na convocatoria de 126 manifestacións durante ese ano no noso país, os partidos políticos en 99, as asociaciacións ambientalistas en 79 e as de estudantes, en 29. Os denominados polo departamento dirixido por Fernández Díaz como 'grupos independentistas' chamaron a 11 manifestacións, case unha por mes.

Descenso?

As 3.524 manifestacións rexistradas en 2015 supoñen un descenso a respeito das 3.777 do exercicio anterior, 2014 e ás 4.670 do 2013. Mais é unha porcentaxe que se mantén moi por riba do nivel de manifestacións que había nos anos duros da crise, como foi o 2012, no que houbo 2.213 mobilizacións. En 2011 non chegaron a 1.500.

Durante 2015 en todo o Estado español houbo 32.904 manifestacións. Xa que logo, as que tiveron lugar na Galiza (con menos do 6% da poboación e das persoas asalariadas no conxunto estatal) supoñen perto do 10 por cento do total.