En 2015 foron identificadas pola 'lei mordaza' máis de 200 mil persoas na Galiza

[Imaxe de arquivo / GZ Foto]

Interior cifra en 442 as sancións por "desobediencia ou resistencia á autoridade" e en 597 as persoas sancionadas por "faltas de respecto e consideración" ás FSE.

O Anuario estatístico publicado polo Ministerio do Interior sitúa en 208.675 persoas as identificacións practicadas polo Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil no marco da Lei Orgánica 4/2015 para a Protección da Seguridade Cidadá após un ano da súa entrada en vigor. A cifra aumenta até 421.315 se sumamos as identificacións levadas a cabo tamén no marco da Lei Orgánica 1/1992. No concreto, refírese a aquelas reguladas no artigo 16 "en cumprimento das súas funcións de indagación e prevención delitiva para a sanción de infraccións penais e administrativas" polo que se autoriza "os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade" a "requerir a identificación das persoas" cando "existan indicios de que puideron participar na comisión dunha infracción" ou "en atención ás circunstancias concorrentes" consideren "razoabelmente necesario" requerir a documentación "para previr a comisión dun delito". 

Trátase de dados acumulados entre xaneiro de 2015 e decembro dese mesmo ano. 

Aliás, o Anuario recolle as sancións adoptadas polas faltas tipificadas como graves (artigo 36) na coñecida como Lei mordaza. As máis habituais foron por "desobediencia ou resistencia á autoridade" (36.6) dos axentes da FSE.

442 foron sancionadas por "desobediencia ou resistencia á autoridade" e 597 por "faltas de respecto e consideración" aos axentes 

En total 442 persoas. Doutra banda, 43 foron sancionadas por "perturbación da seguridade cidadá en actos públicos, espectáculos deportivos ou culturais, solemnidades e oficios relixiosos ou outras reunións ás que asistan numerosas persoas" e 76 por "causar desordes nas vías, espazos ou estabelecementos públicos". 

Como faltas leves (artigo 37) por "falta de respecto e consideración" aos axentes da Policía e/ou da Garda Civil, foron sancionadas entre xaneiro e decembro de 2015, 597 persoas (artigo 37.4). Outras 55 por (37.12) por negárense a entregar a documentación de identidade cando lles foi requerido para a súa retirada ou retención. 

A Lei mordaza entrou en vigor en marzo de 2015 entre fortes críticas da oposición e mobilizacións populares que denunciaban o recorte de dereitos que supón, embora o Goberno español retirase finalmente os aspectos máis polémicos do anteproxecto presentado inicialmente.