Galiza detecta dous casos de gripe aviaria en aves migratorias

Bandada de aves migratorias. (Foto: Europa Press).
Os positivos están a ser analizados para concretar o grao de patoxenicidade, é dicir, o dano que poden chegar a causar.

A Xunta identificou dous casos de gripe aviaria en dúas aves silvestres que estaban de paso pola Galiza e que non aniñan nin teñen colonias en todo o territorio, informou a Consellaría de Medio Rural.

Os resultados positivos están a ser analizados polos técnicos da Administración galega, que avalían os informes de laboratorio e as circunstancias e lugares de recollida das aves contaxiadas.

En estudo

Segundo traslada o Goberno da Xunta, no caso de que se confirme a "alta patoxenicidade" dos casos, estes "serán declarados e comunicados ás autoridades competentes, aos efectos oportunos".

A Xunta resalta nun comunicado que o subtipo de virus de gripe aviaria declarado en Europa "non ten carácter zoonósico", é dicir, que non pode transmitirse desde os animais ás persoas a través da carne cociña, ovos ou produtos procesados.

Así mesmo, remarca que a detección de casos en aves silvestres "non afecta ao status sanitario das explotacións avícolas, nin aos movementos dos seus animais".

Algo de historia

Esta enfermidade vírica infecciosa identificada hai máis dun século, reapareceu en 2003 en Asia, momento no que comezou a súa propagación mundial. Na actualidade coñécense máis dunha ducia de subtipos do virus da gripe que afecta ás aves, dos cales, o máis preocupante é o H5N1, responsábel da alerta declarada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2005.

O pasado mes de xaneiro Medio Rural prohibiu a cría ao aire libre de aves de curral en 34 localidades despois da detención de varios focos de gripe aviaria en diversos países da Unión Europa e incrementarse a situación de alerta no estado español.

As medidas afectaron ás zonas de especial risco (ZER), constituídas polos concellos da Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e Vilanova de Arousa mais ás de especial vixilancia (ZEV): Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.