Galiza, en desvantaxe na ABAU fronte a outros territorios

Estudantes realizando a ABAU o pasado ano (Foto: Emeterio Suárez).

Na Galiza non se permite acceder á ABAU con materias suspensas, algo que si é posíbel en nove territorios do Estado cuxo alumnado poderá optar a prazas nas universidades galegas das que son excluídas centos de estudantes galegas na convocatoria ordinaria.

Máis de 13.000 estudantes galegas someteranse a vindeira semana —os días 8, 9 e 10 de xuño— á Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), nunha convocatoria á que só poden acceder as e os alumnos con todas as materias aprobadas. Non acontece o mesmo en nove territorios do Estado, como Catalunya ou Euskadi, onde se permiten os suspensos se a nota media é suficiente.

Dado que o sistema de acceso á universidade é único a nivel estatal, o alumnado con materias pendentes na Galiza non poderán optar na convocatoria ordinaria a prazas que si estarán dispoñíbeis para persoas de fóra que fagan a ABAU con algunhas suspensas.

Esta situación de "desigualdade" denunciouna nesta terza feira a Confederación de Anpas Galegas, a través dunha carta aberta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez: "É consciente [a Consellaría] de que está deixando as prazas nas universidades galegas a alumnado foráneo que precisa de menos requisitos para acceder?", censurou, facendo fincapé en que, desta forma, "está eliminando as posibilidades reais do noso propio alumnado".

Tamén Rogelio Carballo, presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), sinala a Nós Diario o "fraco favor" ás e aos estudantes galegos: "Estanse a agasallar os orzamentos públicos das universidades da Galiza aos de fóra, xa que as e os galegos non compiten en igualdade de condicións", di, e lembra que cando se examinen da ABAU na convocatoria extraordinaria "apenas quedarán prazas vacantes".

Fontes da Consellaría consultadas por este xornal apuntan que esta instrución, "vixente desde o inicio do curso", está enmarcada dentro das accións da Xunta para "corrixir na Galiza os efectos do denominado 'Decreto do aprobado xeral'" do Goberno estatal. "Consideramos que ataca piares básicos do noso sistema como son a calidade, a equidade, a igualdade de oportunidades e a cultura do esforzo", xustifican.

Aliás, instan ao estabelecemento de "fórmulas para a coordinación entre as comisións encargadas de elaborar as probas de acceso á universidade", a fin de "garantir a equidade e igualdade de oportunidades no conxunto do Estado".

Docentes da FP fican "discriminadas"

Noutra orde, representantes da CIG-Ensino reuníronse na segunda feira coa secretaria xeral de Formación Profesional (FP) do Ministerio de Educación, Clara Sanz, para abordar a situación do profesorado técnico desta modalidade, que o sindicato pide integrar no corpo PES (Profesores de Ensinanza Secundaria).

O Ministerio, porén, propuxo crear un novo corpo para dez das especialidades da FP, rexeitando, segundo a CIG, a posibilidade de incluír as outras 19. "A medida implicará a convivencia de tres corpos diferentes; o PES —quen dispoñan dun título universitario—, o PTFP —Profesor Técnico de FP, quen non o teñan— a extinguir e o novo corpo de profesorado especialista —quen ingresen no futuro, o que pode supor problemas no concurso de traslados, na carga lectiva dos diferentes módulos ou na xestión das listaxes de interinidade e substitucións", lamentou a CIG, que instou o Goberno estatal a "buscar alternativas" para "evitar discriminacións entre persoal docente que realiza as mesmas funcións".