Galiza di adeus ao estado de alarma e entra hoxe na ‘nova normalidade’

Feira do Libro de Compostela (Arxina)

Eis as chaves para entender a nova normalidade que inaugura hoxe a Galiza, un tempo que seguirá marcado polas medidas de hixiene, as distancias sociais e o uso de máscara.

A Galiza convértese hoxe no primeiro territorio do Estado español en superar a fase 3 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Aínda que tal situación implica que quedan sen efecto as medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma, si é certo que continuarán algunhas medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia causada pola COVID-19, tendo en conta a subsistencia, aínda que máis ténue, dunha situación de crise sanitaria. 

O día a día na nova normalidade 

Os cambios de hábitos que fomos creando durante o tempo de confinamento viñeron para ficar, ao igual que as máscaras son xa unha peza máis do noso vestiario. Así pois, en termos xerais, deberemos seguir a prestar especial atención á hixiene frecuente de mans, á hixiene respiratoria e teremos, así mesmo, que manter unha distancia interpersoal mínima de 1,5 metros. 

O uso da máscara será obrigatorio sempre e cando non sexa posíbel manter esta distancia mínima interpersoal mais tamén cando nos atopemos en contornas ateigadas por unha grande afluencia de persoas, contexto que se acentúa especialmente se falamos de espazos fechados. 
No tocante ás actividades, aconséllase que se realicen preferibelmente ao aire libre e que estas sexan de pouca duración. 

Cando levemos a cabo calquera actividade en espazos fechados, debemos pór especial atención á súa correcta limpeza, hixiene e ventilación deses lugares utilizados.

Así mesmo, as autoridades sanitarias continúan a lembrar que é imprescindíbel adoptar medidas de illamento e comunicarse cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatíbeis co coronavirus (lembremos que estes son febre, tose ou dificultade para respirar) ou outros síntomas, como falta de olfacto ou gusto.

Que debemos saber das novas medidas de seguridade?

Distancia de seguridade

Na nova normalidade achegámonos medio metro. E é que a distancia de seguridade interpersoal será a partir de hoxe de, polo menos, 1,5 metros (en lugar dos 2 que se marcaban no estado de alarma). Mais, se non fose posíbel respectar esta distancia, na súa falta, será necesario manter medidas alternativas de protección física co uso de máscara, pois a súa obrigatoriedade continúa vixente para maiores de 6 anos na vía pública, en espazos ao aire libre e fechados de uso público ou abertos ao público, así como nos transportes, mais de hixiene adecuadas. 


Medidas xerais de hixiene e prevención

Tal e como apuntamos nun inicio, as medidas xerais de hixiene adoptadas nestes últimos meses por causa da COVID-19 acompañarannos na chamada nova normalidade. Así, deberán aplicarse a todos os estabelecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público así como a actividades de carácter público. En todos os casos, deberemos asegurar que se adoptan as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ás características e intensidade de uso de todos estes espazos e deberemos ter especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes (tales como pomos de portas, mesas, móbeis, pasamáns, chans, teléfonos, perchas etc), mais tamén, de ser o caso, ás zonas privadas do persoal traballador (vestiarios, armarios, aseos, cociñas e áreas de descanso). 


Limitacións de capacidade e a distribución de espazos

Neste caso, a medida réxese pola necesidade de manter e respectar a distancia de seguridade interpersoal. Ese metro e medio afecta non só ao noso tempo de lecer, senón que tamén se expande até ámbito laboral. Así, pois, os postos de traballo continuarán a ordenarse e organizarse quendas para evitar aglomeracións, así como nos estabelecementos comerciais, nos centros residenciais ou en hoteis e restaurantes.

Na maioría destes casos, non se poderá superar 75% da capacidade dos estabelecementos (sexan bares, restaurantes, hoteis, piscinas, museos, bibliotecas, lugares de culto etc.).

No caso específico de velorios e de enterros, estes contarán cunha capacidade de até 60 persoas en espazos ao aire libre e de 30 persoas en espazos fechados, sexan ou non conviventes. 

Por outra banda, poderemos gozar dos parques infantís ao aire libre, mais non daqueles que se atopen no interior. No tocante ás actividades deportivas, contaremos cun límite de até 300 persoas no interior e de até 1000 persoas caso sexan ao aire libre.

En relación ás reunións familiares, agora coa nova normalidade fican xa sen limitacións de capacidade e poderemos convidar toda a familia. 

E as romarías?

Volverán, se a evolución da situación epidemiolóxica é favorábel, a partir do 1 de xullo. E con elas, abrirán tamén os estabelecementos que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como a celebración de festas infantís; tamén os locais de discotecas e demais estabelecementos de lecer nocturno, sen prexuízo da apertura das terrazas ao aire libre; e, como non, as festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras.