Galiza afianza o seu liderado como o territorio de todo o Estado co peor saldo vexetativo

No primeiro semestre morreron 9.135 persoas máis das que naceron.

Dado tras dado, estatística tras estatística, Galiza continúa a avanzar sen freo no seu devalo demográfico. Cada vez menos habitantes, cada vez de máis idade. No primeiro semestre de ano naceron no noso país 8.312 crianzas e morreron 17.447 persoas: o resultado, un medre vexetativo negativo: 9.135 mortes máis que nacementos. Ningún territorio no Estado español presenta rexistros tan negativos.

 

No primeiro semestre de 2017 ese saldo foi de 7.908 falecementos máis que partos. Nos primeiros seis meses deste ano, ese balanzo negativo incrementou aínda máis, até 9.135 mortos máis que nacementos.

 

Galiza rexistrou en 2017 o peor saldo vexetativo de todo o Estado español, 13.522 mortes máis que nacementos. Desde 1987 en Galiza non se fecha un ano no que nazan máis persoas das que morren, van aló 3 décadas.

 

En 2016 a taxa de natalidade foi en Galiza de 7,02. É dicer, sete nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco ten peores rexistros: 6,6 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega.

 

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.