Galiza, sen concellos en restricións máximas desde esta medianoite

Clientela nunha terraza no Grove. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Sanidade ratifica a "exclusión" do Grove do nivel extremo de restricións e a súa inclusión no nivel alto nunha orde publicada no Diario Oficial da Galiza deste 16 de agosto.

Desde a medianoite do pasado sábado, 14 de agosto, O Grove converteuse no único concello da Galiza no nivel máximo de restricións.

A decisión adoptada polo Goberno galego daba resposta á recomendación do Comité Clínico e aos datos epidemiolóxicos recollidos no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 11 de agosto.

Entón, a súa taxa axustada de incidencia a 14 días superaba os 500 casos por 100.000 habitantes a canda Sanxenxo e Viveiro que pasaron directamente ao nivel alto, con cifras moi similares.

A decisión, motivou o enfado do Goberno local do Grove, que tachou a resolución de "política" ao mesmo tempo que Sanidade abría a porta a unha mudanza inminente das súas condicións de consolidarse o descenso da incidencia que apuntaba a evolución epidemiolóxica.

Descenso da incidencia

Esa caída confirmouse. Segundo recolle a orde da Consellaría de Sanidade deste 16 de agosto, a taxa de incidencia axustada do Grove a sete días é de 116,28 casos por cada 100.000 habitantes, e a 14 días é de 315,12 casos, segundo os datos dispoñíbeis o 15 de agosto, o que levou ao Executivo galego a modificar as normas necesarias para baixar a localidade de nivel.

A modificación, aclara o texto publicado no DOG desta segunda feira, "non supón un aumento do nivel de restricións que afectan dereitos fundamentais" e a eficacia da orde comezará ás 00 horas deste 17 de agosto.

Limitacións na hostalaría

Sen ningún concello no nivel máximo de restricións, ningún local de hostalaría se verá na obriga de fechar o seu interior como fixou a Xunta a partir desta medianoite ao desbotar o TSXG a solicitude do Goberno galego de darlle validez ao pasaporte Covid.

O alto tribunal non autorizou a medida e iso implica novas limitacións na capacidade de bares, restaurantes e estabelecementos de lecer nocturno nos niveis restantes.