A Galiza é a autonomía con máis incidencias pola borrasca 'Ciarán': cales foron as principais?

Varios bombeiros traballan para retirar unha árbore da estrada en Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

O 112 atendeu perto de 560 inidencias no país provocadas pola cicloxénese explosiva. 

A Galiza é a autonomía do Estado español con maior número de incidencias por mor da cicloxénese Ciarán. Desde a central do 112, xa foron xestionados máis de 500 incidentes.  A forte borrasca deixou ventos de até 168 quilómetros por hora (km/h) nas zonas montañosas do interior da Galiza, intensas precipitacións con máis de 70 litros por metro cadrado en Fornelos de Montes (comarca de Vigo) e ondas de case sete metros na Coruña.

O temporal de choiva e vento que azouta a Galiza desde a pasada cuarta feira está a impactar tamén na mobilidade. A circulación ferroviaria permanece suspendida desde a tarde do 1 de novembro entre Ourense e Vigo e entre A Coruña e Ferrol. O temporal tamén causou varios accidentes de circulación, aínda que ningún de gravidade, a maior parte en estradas secundarias.

Os fortes ventos afectaron o tráfico aéreo. Na Coruña canceláronse seis voos e un tivo que ser desviado. Segundo os valores captados por Meteogalicia nas últimas 24 horas, os ventos superaron os 130 km/h en puntos da costa como Cedeira (Ferrolterra) ou Oia (Baixo Miño), así como no interior en zonas de montaña como Carballeda (Valdeorras) e Muíños (Baixa Limia). O refacho máximo rexistrouse no Xistral (Terra Chá) con 168 km/h minutos antes da medianoite.

En canto ás choivas, intensas por toda a xeografía galega, Fornelos de Montes foi o lugar onde máis litros por metro cadrado se acumularon cun total de 71,8 litros. Ademais, as intensas precipitacións das últimas xornadas, especialmente as rexistradas coa entrada de Ciarán, manteñen en risco de desbordamento unha ducia de ríos galegos.

Número de incidencias

En total, o 112 atendeu no país entre o mediodía da cuarta feira e as 6 horas da quinta feira un total de 556 incidencias relacionadas con Ciarán, a gran maioría por incidentes nas estradas, fundamentalmente por caídas de árbores e ramas sobre a vía.

Na Coruña, unha das cidades afectadas (así como a súa contorna) debido ao temporal, fechouse a Torre de Hércules, unha medida que tamén se adoptou noutros museos da cidade como a Casa das Ciencias por estar restrinxido o acceso ao parque, en consonancia coas medidas adoptadas en relación a estes espazos.