'Ciarán' deixa paso a 'Domingos': Cando pasará o temporal?

Árbora caída xunto a un vehículo, esta quinta feira en Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
As ondas chegaron a 10 metros en Estaca de Bares, mentres que os refachos de vento alcanzaron os 134 quilómetros por hora.

A borrasca Ciarán está a pasar sobre Europa Occidental deixando un tempo "moi adverso" en amplas zonas da Galiza, da Península Ibérica, Francia, Bélxica, o Reino Unido e Irlanda, con ventos tempestuosos, choivas intensas e mala mar. A fin de semana chegará Domingos, unha nova borrasca, segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

O portavoz da AEMET, Rubén del Campo, explicou que Ciarán experimentou un proceso de cicloxénese explosiva que a converteu nunha das borrascas "máis profundas das que visitou Europa Occidental no século XXI", deixando refachos de vento de até 134 quilómetros por hora no cabo Estaca de Bares, na comarca de Ortegal, onde as ondas chegaron até os 10 metros.

De momento, o portavoz avisa de que Ciarán seguirá deixando tempo adverso durante o serán desta quinta feira e a madrugada e a mañá da sexta feira, con refachos moi fortes de vento, superiores a 90 e a 100 quilómetros por hora na Galiza, especialmente en litorais e zonas de montaña, onde algún refacho podería volver ser tempestuoso.

Ademais, o temporal marítimo deixará ondas que volverán superar os oito metros na costa galega, polo que Del Campo insiste en que é "moi perigoso" achegarse ás praias ou ao mar, porque a ondada será "moi intensa".

Respecto ás precipitacións, a Galiza seguirá recibindo as máis abundantes de toda a península Ibérica nas próximas horas. A neve aparecerá na tarde desta quinta feira a partir duns 1.000 a 1.200, cunhas temperaturas que ademais baixarán claramente durante a sexta feira, na que persistirá a neve.

Deste modo, prevese que o sábado se deixarán de sentir os efectos de Ciarán mais, ao mesmo tempo, chegará outra nova borrasca de nome Domingos, que circulará entre a península Ibérica e as illas Británicas.

Os seus efectos notaranse sobre todo o sábado en forma de vento, con refachos moi fortes de 70 ou 80 quilómetros por hora en boa parte da Galiza e con refachos de máis de 100 quilómetros por hora en zonas costeiras e de montaña.

Ademais, provocará un temporal marítimo importante, con ondas que poderán superar os sete ou oito metros. A partir de domingo remitirá a borrasca, mais as choivas persisitirán na Galiza.