A Galiza comeza a citar menores de 60 anos para recibir a dose de reforzo fronte á Covid

As persoas de entre 50 e 59 anos son as primeiras candidatas a levar a terceira picada (Foto: Tobias Arhelger).
A Comisión de Saúde Pública aínda non aprobou oficialmente a a administración da terceira dose a este grupo de idade.

O Servizo Galego de Saúde xa está a citar persoas de entre 50 e 59 anos para recibir a terceira dose da vacina contra a Covid.

Segundo confirmaron fontes de Sanidade, estes pacientes están chamados a acudir a puntos de vacinación masiva nos próximos días a pesar de que a Comisión de Saúde Pública, da que forman parte as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, aínda non aprobou a administración da dose de reforzo para este grupo de idade na poboación xeral.

Con todo, desde a Consellería aseguran que as persoas citadas poden levar a terceira picada porque se prevé recibir o aval da devandita Comisión.

O conselleiro de Sanidade asegurou este domingo nunha entrevista concedida á Radio Galega que a cobertura de todas as persoas adultas coas doses de reforzo vai ser "unha realidade" de forma "inmediata". "Nós estamos xa traballando para seguir vacinando por baixo dos 60 anos", aseverou.

Con todo, até o momento, a previsión oficial da Xunta é que esta segunda feira, 13 de decembro, se complete o chamamento de todos os galegos e galegas de entre 60 e 69 anos para que reciban a terceira dose. Foi un anuncio trasladado no Parlamento a pasada sexta feira polo presidente autonómico, Alberto Núñez Feixoo, quen destacou que a Galiza adiantaba así cinco días o obxectivo de ofrecer maior cobertura a este colectivo.

Menores de 12 anos

Feixóo tamén anunciou que a partir da cuarta feira, 15 de decembro, comezará a vacinación de nenos e nenas menores de 12 anos.

Polo momento, a único confirmado é a previsión de que cheguen á Galiza unhas 60.000 doses, se ben, o conselleiro de Sanidade non descartou que a primeira semana de xaneiro se poidan recibir algunhas máis.

"O obxectivo sería que en xaneiro puidesen recibirse todas. Oxalá nos cheguen para poder vacinalos antes do reinicio do curso", desexou García Comesaña en referencia ás 150.000 crianzas de entre 5 e 11 anos da Galiza.

Sobre o dispositivo que se iniciará a cuarta feira para darlle cobertura a este grupo de idade fronte á Covid, o conselleiro explicou que será lixeiramente "diferente" ao dos adultos, polo que se habilitarán puntos de vacinación "específicos" para estes menores que contemplarán un espazo para a espera de "15 minutos de observación".