Galiza, á cola do Estado en prazas públicas de residencia para maiores

Residencia da Fundación San Rosendo no Incio (Foto: Europa Press)
A cobertura dos xeriátricos galegos incumpre as recomendacións da OMS

As achegas públicas ao mantemento do sistema de benestar non deixan de caer desde a chegada ao Executivo galego de Núñez Feixoo. Se os últimos presupostos que elabora o Goberno bipartito do PSOE e do BNG en 2009 recollen un investimento en materia de servizos sociais de 724 millóns de euros, a dotación orzamentaria de 2020 non chega a 715 millóns. A maiores, esta rebaixa coincide cun aumento na contía total das contas públicas e cando o Produto Interior Bruto(PIB) de 2020 en termos correntes é claramente superior ao do último exercicio do bipartito.

A insuficiencia dos investimentos públicos déixase notar na calidade da asistencia ofrecida ás persoas maiores. Segundo os dados do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellaría de Política Social, Galiza dispón de 24.819 prazas para maiores, incluíndo xeriátricos e pisos tutelados. A cifra está por baixo dos estándares requiridos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que aconsella 5 prazas  por cada 100 persoas maiores de 65 anos e obrigaría a contar con 33.643 prazas. Neste sentido, a asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais sitúa a Galiza nos postos de cola na cobertura de residencias, só por diante de Andalucía e País Valenciá, uns territorios que presentan unha poboación menos envellecida. 

Galiza é o territorio do Estado con menos prazas de residencia de carácter público. Segundo os dados achegados polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), a cobertura pública en centros de maiores só chega a 22,8% dos usuarios, case 40 puntos por baixa da media estatal, onde o número de prazas públicas chega a 62% e moi lonxe de 74% de Euskadi. 

Neste sentido, a situación está lonxe de mellorar nos vindeiros anos, unha vez que Núñez Feixoo ten anunciado que os centros de maiores a construír nas sete cidades con cargo a financiamento da Fundación Amancio Ortega van ser de xestión privada. 

O negocio dos operadores privados

Os centros de maiores de xestión privado son o único recurso asistencial para moitas familias. Malia que boa aparte das dotacións que actualmente explotan os grandes operadores privados do sector son inmóbeis de titularidade pública, construídas a cargo dos orzamentos galegos e concedidas en réxime de concesións polo Goberno galego, a súa xestión é de carácter privada. 

Así, entre as grandes compañías do negocios das residencias sinálanse aqueles grupos controlados por grandes fondos de investimento, como DomusVi, con máis de 29 establecementos na Galiza e a Fundación San Rosendo, xestor de máis de 3.200 prazas e ligada a igrexa Católica. Un e outro grupo significáronse pola súa alta mortalidade durante a pandemia e pola súa proximidade ao PP.

O prezo dos centros de maiores son prohibitivos para os usuarios. Segundo sinala a Nós Diario Francisco Vizoso, “na cidade de Vigo os prezos oscilan entre 1.950 e 2.312 euros mes da residencia DomusVi-Barreiro, 2.387 e 4.358 euros mes da residencia de Sanitas e 1.950 e 3.100 euros mes da residencia de Ballesol”. 

Ao tempo, denuncia que “o copagamento, para o acceso ás prazas financiadas das persoas que teñen recoñecido oficialmente algún nivel de dependencia é claramente abusivo, sendo sempre  superior a 70% dos ingresos do residente e sendo até 90% cando eses ingresos son superiores aos 1.500 euros”.

Un sistema de benestar na UCI

Os principais indicadores achegados no informe de 2020 da asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais sitúan ao sistema galego de benestar nos postos de cola do Estado. Así, por exemplo, no mesmo sinálase que “a porcentaxe de gasto en servizos sociais respecto do PIB” colócase en 1,58% do total, dúas décimas por baixo da media estatal. Na mesma liña, recóllese que “o gasto consolidado en materia de servizos sociais por habitante e ano” acada na Galiza os 367 euros mentres no conxunto do Estado chega a 406,3 euros. 

A fenda tamén é visíbel na “porcentaxe de gasto en servizos sociais sobre o gasto total executado das administracións públicas” que na Galiza achégase a 8,60% fronte a 9,95% na media estatal.