A Galiza, á cola do Estado na esperanza de vida con boa saúde a partir dos 50 anos

Unha parella de anciáns acode a vacinarse nun centro de saúde de Ourense. (Foto: Europa Press)
Os recortes da Xunta na sanidade pública, definitorios para esta situación segundo un informe.

A Galiza sitúase á cola do Estado español no nivel esperanza de vida en boa saúde a partir dos 50 anos de idade, segundo un estudo realizado polo Centro de Estudos Demográficos da Universitat Autònoma de Barcelona (CED-UAB) no que se analizan factores socioeconómicos e sanitarios de cada territorio, e no que se conclúe que o gasto en sanidade pública é definitorio.

O estudo sinala que na Galiza, as mulleres teñen, unha vez pasados os 50 anos, unha esperanza de vida doutros 37 anos, dos cales en tan só 9,3 deles gozarían dun bo estado de saúde, sendo o terceiro peor dato a nivel estatal.

En canto a esperanza de vida é menor que a das mulleres até os 82,1 anos. Deses, estímase que nos 10,8 anos a partir dos 50 terían un bo estado de saúde, o cuarto peor dato do Estado.

Este informe analiza datos de seis enquisas de saúde estatais e europeas, ademais de datos de mortalidade do Instituto Nacional de Estatística (INE). Tamén ten en conta indicadores socioeconómicos, datos de gasto sanitario público, de servizos e recursos humanos en saúde e informacións sobre comportamentos individuais relacionados coa saúde entre 2006 e 2019.

Maior gasto sanitario, mellor saúde

Os investigadores concluíron que a esperanza de vida en boa saúde a partir dos 50 anos evoluciona da mesma forma en que o fai o gasto sanitario público por cápita de cada unha das autonomías. Canto máis se inviste en sanidade, máis se incrementan os anos que a cidadanía vive sen enfermidades.

Nesta liña, o estudo apunta que gastar 800 euros máis por persoa na sanidade tradúcese en 1,5 anos máis de vida en boa saúde aos 50 anos para os homes e en 1,2 anos para as mulleres, ademais de reducir os anos vividos en mala saúde 1,7 anos para os homes e 1,6 anos para as mulleres.

Segundo os autores, a evolución da esperanza de vida en boa e mala saúde e a diferenzas entre autonomías enténdense a partir das fluctuacións no gasto sanitario público desde 2006, "marcado polos recortes" que sufriu o sistema sanitario público no conxunto do Estado español.