A Galiza, co peor saldo vexetativo do Estado en 2021: 18.057 mortes máis que nacementos

A Galiza rexistra os peores datos de mortalidade desde que se contabilizan. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
Por debaixo da Galiza e a distancia sitúanse Castela e León cun saldo vexetativo de -16.211 e a Comunitat Valenciana, con -14.106.

A Galiza padeceu en 2021 o peor saldo vexetativo (diferenza entre falecementos e nacementos nun territorio nun determinado tempo) desde que se comezaron a recoller rexistros en 1975, con 18.057 mortes máis que nacementos, segundo os datos provisionais que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta cuarta feira.

Esta cifra supón, ademais, o peor saldo vexetativo no conxunto do Estado español.

Por debaixo da Galiza e a distancia sitúanse Castela e León cun saldo vexetativo de -16.211 e a Comunitat Valenciana, con -14.106.

En canto á tendencia, a crise demográfica na que está inmersa a Galiza nos últimos anos segue a empeorar. Cos datos provisionais do INE, o saldo vexetativo empeorou en perto de medio milleiro de persoas o dato que computou o noso país en 2020 (-17.598).

Mesma mortalidade, menos nacementos

Aínda que a cifra de mortalidade é case idéntica na Galiza en 2021 (32.841 falecidos) e en 2020 (32.845), o retroceso do saldo vexetativo explícase polo descenso de 463 nacementos (-3,2%), entre 2020 e 2021, ano no que quedaron só en 14.784. Esta cifra tamén supón o dato máis baixo na serie histórica.

O feito de que a cifra de defuncións na Galiza en 2021 sexa moi semellante ao dato de 2020, o maior computado na historia da Galiza (coincidindo co ano de comezo da pandemia), contrasta coa caída media de 8,7% dos óbitos que se produciu no Estado español. O noso país conta coa terceira maior taxa bruta de mortalidade (12,2 mortes por 1.000 habitantes), só por detrás de Asturias (13,2) e Castela e León (12,3).

En cambio, a Galiza está na parte baixa do indicador de fecundidade, con só 1,01 fillos por muller, terceira autonomía pola cola, tras Canarias (0,86) e Asturias (0,95). A media estatal está en 1,19.

A esperanza de vida dos nados en 2021 na Galiza é de 83,4 anos, lixeiramente por enriba da media (83,1 anos). Á cabeza está Madrid (84,6 anos). No outro extremo está Andalucía (81,4 anos).