Economistas ven na caída poboacional unha das maiores eivas da recuperación

Ieside analiza nun libro os efectos da pandemia na economía galega e avanza alternativas sobre as que basear a recuperación.
A captación e retención de talento con iniciativas vencelladas á innovación será unha das chaves da recuperación da Galiza (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A captación e retención de talento con iniciativas vencelladas á innovación será unha das chaves da recuperación da Galiza (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Hoxe foi presentada a obra Despois da pandemia. Reflexións e desafíos para Galicia, que recolle en once artigos o efecto da crise sanitaria da Covid-19 na economía galega e a nivel global.

A publicación, coa que nace Ieside Editorial, asociada á obra social de Abanca (Afundación),  deuse a coñecer cunha mesa redonda telemática na que participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e varios dos autores dos artigos, como Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca; Fernando González Laxe, economista e ex presidente da Xunta; Pedro Antonio Merino, director de Estudos de Repsol, e Ana Teresa Tavares-Lehmann, ex secretaria de Estado de Industria de Portugal.

O presidente de Abanca sinala no prólogo da obra que todas as análises pretenden "inspirar estratexias e actuacións que permitan tomar decisións, superar as dificultades no curto e medio prazo e debuxar, finalmente, un horizonte cara ao que dirixirnos para avanzar sen pausa".

O conselleiro Conde, pola súa banda, aproveitou a súa intervención para recoñecer o diferente impacto sectores", algúns "moi afectados", como a hostalaría, e outros con "oportunidades", como as novas tecnoloxías.

Conclusións

Nos diferentes artigos, os seus autores e as súas autoras extraen conclusións que dan pistas dos retos que debe afrontar o país para saír con garantías da crise. 

Un dos problemas ao que aluden varios deles é o demográfico, sobre o que parece haber quorum na necesidade de reter e atraer talento creando un sistema de innovación que consiga fixar na Galiza xente nova, un reto que, á vista das estatísticas, que apuntan a unha forte perdida de poboación activa nos últimos sete anos, en especial no grupo de idade entre os 20 e os 29 anos, con 5% menos, está aínda lonxe de materializarse, pero pode impulsarse coa axuda dos fondos de reconstrución. 

Outro dos aspectos nos que coinciden as persoas expertas que participaron no foro que deu lugar á obra é a dinamización e modernización dos sectores tradicionais, como a automoción, o téxtil ou a agricultura ecolóxica, cara aos novos modelos de produción e demanda que marcan as novas tecnoloxías.

Transversalmente tócanse tamén aspectos como o teletraballo, que parece ter chegado para quedar en moitos ámbitos, ou o turismo, que no caso da Galiza, para o que ven oportunidades de crecemento no turismo rural. 

En materia de comercio exterior, Ainhoa Marín, investigadora principal do Real Instituto Elcano, aposta por mellorar a balanza comercial cos países da África subsahariana, onde a aparición de incipientes clases medias e o crecemento das rendas propicia oportunidades para sectores como bens de consumo e alimentación "ás que as empresas galegas deben optar".

E é que, como resume o fundador e presidente de honra do Igadi, Xulio Ríos, "un país pequeno como a Galiza precisa ser moi aberto para poder prosperar". "Non precisamos xefes de Goberno xeniais con máis ou menos sentidiño, senón mecanismos institucionais que planifiquen, coordinen e fagan seguimento das prioridades estratéxicas", conclúe.

Comentarios