Galiza mantén o seu apoio a Palestina exixindo cese do fogo e fin do xenocidio: "Israel é un Estado xenocida e terrorista"

Concentracións de hoxe en Lugo, Ferrol, A Coruña, Santiago e Vigo. (Fotos: Nós Diario)
No Día Mundial da Infancia multiplicouse o apoio ás crianzas de Gaza.

Este 20-N, Día Mundial da Infancia, as mostras de solidariedade da Galiza co pobo palestino comezaron ao mediodía. A esa hora, a praza do Obradoiro, en Compostela, acolleu un minuto de silencio polas crianzas e adolescentes vítimas dos ataques de Israel sobre Gaza.

Nas últimas seis semanas mataron unha de cada 200 crianzas na Faixa, unha cada dez minutos. As últimas cifras ofrecidas polo Ministerio de Sanidade gazatí elevan o número de persoas mortas como consecuencia da ofensiva israelí a máis de 16.000. Unhas 5.000 son crianzas. Porén, precisou, hai outras 6.000 persoas desaparecidas baixo os cascallos, 1.800 nenas e nenos que se presumen, na súa maioría, falecidos.

Silencio e aplausos

Contra estas cifras e todo o sufrimento asociado, tamén o das 9.000 cativas e cativos que resultaron feridos nos territorios ocupados de Palestina, o Concello de Santiago e a Federación de Anpas de Compostela convocaron un acto diante do pazo de  Raxoi que reuniu a alcaldesa, Goretti Sanmartín, integrantes da corporación municipal e o alumnado do CEIP Quiroga Palacios. Gardaron un minuto de silencio con carteis en lembranza das crianzas palestinas asasinadas e un berro escrito: "Basta!", contra o xenocidio da poboación de Palestina.

Alumnado do CEIP Quiroga Palacios e membros da corporación municipal de Santiago, coas crianzas palestinas na praza do Obradoiro. (Foto: Nós Diario).

Un aplauso puxo fin a este acto que contra o serán tivo continuidade na praza Roxa de Compostela máis noutra trintena de localidades. Da Coruña a Xinzo. De Ribadeo á Guarda. A solidariedade da Galiza co pobo palestino manifestouse de forma simultánea con concentracións públicas que volveron acusar "os inimigos da humanidade, da razón e da vida".

Óscar Valadares, voceiro de Mar de Lumes, un dos colectivos convocantes xunto a BDS Galiza, Jenin e Galiza por Palestina, participou das mobilizacións desde Cerdedo. "Israel é un Estado xenocida e terrorista, unha ferramenta do imperialismo para dominar Oriente Medio. E non valen os laios da comunidade internacional, que se di preocupada polas crianzas e a morte de palestinos inocentes. É falso. Quen están preocupados son os pobos".

Galiza con Palestina

O galego entre outros moitos, "que se manifesta de forma sistemática en favor de Palestina. Levamos máis dun cento de convocatorias porque a situación o demanda". Contra "a barbarie e o xenocidio", apunta Valadares, "cómpren mobilizacións, pero tamén presión internacional por parte dos Estados. E como cidadáns, nós podemos apremar os Gobernos e, ao tempo, tomar outras decisións, como boicot".