Vídeos no interior

Galiza convértese nun clamor en defensa do mar cunha manifestación masiva en Santiago de Compostela

Manifestación en defensa do mar este domingo en Compostela (Foto: Arxina).
"En defensa do noso mar, mentiras e incompetencia nunca máis" berraron as persoas asistentes no seu percurso polas rúas compostelás até a chegada da praza do Obradoiro.

Foi a finais de 2023 cando un barco, de nome Toconao, perdía parte da súa carga no Atlántico fronte ao litoral de Viana do Castelo, en Portugal. Ninguén sabía naquela altura que aquela perda de carga, algo moi común no transporte de mercadorías por mar, ía desencadear unha auténtica crise medioambiental e unha masiva manifestación en defensa do mar e reclamando acción ao Goberno galego.

Aqueles pellets de plástico que cargaba o Toconao acababan na costa galega pouco despois activando todas as alarmas entre a xente do mar e a poboación galega e, do mesmo modo que aconteceu en 2002 co desastre do Prestige, foi o pobo quen se puxo a traballar e limpar as praias; antes de chapapote, agora de plástico.

O desastre medioambiental e, sobre todo, a resposta ante el do Goberno galego provocaron a convocatoria este domingo dunha enorme manifestación en Santiago de Compostela á que se sumaron 130 colectivos, dos que 41 son do mar (agrupacións de mariscadoras, Confrarías, Agrupacións de Produtores de Mexillón...), 40 socio-culturais, 22 colectivos ambientalistas, 18 plataformas, seis colectivos sindicais, dous de limpeza e un de sanidade. Os miles de persoas que acudiron á capital galega tornaron a cidade nun clamor contra a xestión da Xunta da Galiza da crise dos pellets e a impasividade do titular do Executivo, Alfonso Rueda.

"Incompetencia nunca máis"

“En defensa do noso mar, mentiras e incompetencia nunca máis” berraron as persoas asistentes no seu percurso polas rúas compostelás até a chegada da praza do Obradoiro onde as organizacións convocantes deron lectura ao manifesto nun acto queque contou coa actuación de Zeltia Irevire.

Durante a lectura do manifesto, que correu da man de Sandra Lorenzo e Sandra González por parte das persoas voluntarias na recollida de pellets e de María Porto Maneiro, Presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Carril por parte das mariscadoras, indicouse que desde a Xunta da Galiza “volven cometer os erros de hai 20 anos co Prestige. E unha vez máis, é a cidadanía, somos a cidadanía quen temos que resolver os problemas. Unha vez máis fomos nós que acudimos ás praias retirar os pellets, sen medios de protección e sen contedores”.

Desde as organizacións convocantes lembraron no manifesto: “Antes de que chegara a marea de pellets, o noso mar xa estaba danado, leva moitos anos enfermo, dixerindo toneladas de contaminación, augas residuais, verteduras da autoestrada mundial das mercadorías, que son os océanos. As nosas rías levan décadas soportando a falta de saneamento, a falta de regulación dos caudais dos ríos. Cando chegaron os pellets, nós xa estabamos en pé, organizándonos, para reclamar unha vez máis á Xunta que asuma as súas competencias”.

“A situación actual do marisqueo na Galiza é crítica. Nos últimos dez anos o devalo produtivo dos bivalvos foi alarmante. A suba das temperaturas, o descenso de nutrientes nas rías e o impacto da contaminación, xunto coas caídas de salinidade pola falta de regulación dos encoros, crean unhas nefastas condicións para a produtividade das rías”, alertaron.

Ademais, criticaron que "fronte ao deterioro ambiental e produtivo do noso mar, a Xunta, en lugar de asumir os problemas concretos galegos, dedicouse a aprobar leis que facilitan os recortes dos nosos dereitos ambientais e axilizan iniciativas empresariais de fóra ben depredadoras: minas, Altri, acuicultura industrial e eólicos".

Exixencias

Deste modo, o sector do mar exixiu á Xunta de maneira pública un plan urxente de actuación que inclúa, entre outras cuestións, un estudo interdisciplinar, independente e integral; un plan de saneamento integral das rías; un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros dotado economicamente ou un plan de actuación contra as verteduras ao mar e aos ríos.

"Estamos fartos"

“Veño porque estou farto de que traten mal o noso mar, a Xunta xestionou fatal a crise dos pellets, mentindo e enganado a poboación”, asegurou Manuel, un dos asistentes á manifestación, ao igual que Marta que indicou que “o modus operandi do PP nesta crise foi exactamente igual ao do crise do Prestige, nada cambia”.