Día da Prevención do Suicidio

A Galiza supera as taxas de suicidio do Estado e a UE: profesionais chaman a reforzar os recursos de prevención

O suicidio é a principal causa de morte externa por detrás dos accidentes de tráfico. (Foto: Nós Diario)
Na Galiza suicídanse, de media, 13,1 persoas por cada 100.000, mentres a taxa estatal é de 7,8 e a europea, de 11,9. Na última década máis de 3.000 galegos e galegas perderon a vida desta forma. O Parlamento acordara elaborar unha campaña de prevención que a Xunta, dous anos despois, non realizou.

Máis de 3.300 persoas suicidáronse na Galiza ao longo da última década. En 2020, o ano da irrupción da pandemia de Covid-19 e o último con datos dispoñíbeis, foron 307, case unha ao día.

Segundo os últimos datos do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga), aliás, as defuncións por suicidio case triplican as producidas por accidentes de tráfico (104) e superan con creces outras causas externas de falecemento como os homicidios (15).

No conxunto do Estado, a Galiza é despois de Asturias o territorio cunha maior incidencia, cunha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, moi por riba da media estatal (7,79) e tamén da que reflicte o conxunto da Unión Europea (11,93).

Hoxe, cando se conmemora o Día Internacional para a Prevención do Suicidio, cómpre abordar esta problemática social desde unha perspectiva preventiva, tal e como demandaban nesta sexta feira entidades como o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) ou o Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG), que alertaban a través de senllos comunicados da falta de medios e de "políticas públicas dotadas dos recursos precisos".

"A deterioración nas condicións de vida desde 2020, cunha pandemia, unha guerra cos seus efectos sobre a economía e unha inflación elevadísima, fainos prever a posibilidade de que os niveis de sufrimento medren notabelmente na poboación", subliñaron desde o COPG.

Coa irrupción da crise da Covid-19 tamén a Organización Mundial da Saúde (OMS) alertou da importancia de "investir na prevención do suicidio" ante a previsíbel repunta de tentativas por mor das consecuencias psicolóxicas derivadas desta situación.

A campaña de prevención, pendente

O BNG lembrou este sábado que o Parlamento da Galiza acordara, en novembro de2020, realizar unha campaña de prevención do suicidio, así como Programa de Intervención Intensiva da Conduta Suicida na área de Santiago de Compostela, por parte da Xunta da Galiza.

A formación nacionalista reclama a creación dunha unidade específica de prevención do suicidio e atención a persoas con condutas suicidas ou de autolesión, así como a elaboración de campañas de concienciación sobre esta problemática, co fin de que exista unha atención sanitaria máis eficaz.

Teléfono da esperanza

Con motivo desta xornada, a organización 'Teléfono da Esperanza' habilita, a partir das 11 horas, unha mesa informativa en Santiago de Compostela (cruzamento das rúas Xeneral Pardiñas e Montero Ríos) sobre a necesidade de implantar un Plan Nacional de Prevención de Suicidios.

A respecto desta liña telefónica de prevención, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou nesta sexta feira unha actualización do servizo que incluirá un chat, co obxectivo de facelo "máis accesíbel" especialmente para persoas mozas e adolescentes.

De feito, se ben o perfil medio na Galiza da persoa que se autoinflixiu a morte foi en 2020 de varóns de mediana idade, o certo é que a incidencia entre a xente nova resulta tamén alarmante, pois con base neses mesmos datos 7 mozos e mozas menores de 24 anos suicidáronse nese ano.