I Congreso Estatal

Galiza, á cabeza na presenza de gas radon

Medicións de radon no Estado español (Imaxe: CSN)

Oncólogos e oncólogas, especialistas en Medicina Preventiva e Saúde Pública, físicos e físicas, xeólogos e xeólogas, arquitectos e arquitectas e técnicos e ténicas de saúde laboral danse cita no I Congreso Estatal sobre Radon, organizado pola iniciativa Vive sen Radon, que decorre en liña. Galiza é unha das zonas do Estado máis afectadas por este gas radiactivo.

O radon, un gas natural radioactivo presente no subsolo de amplas zonas da Galiza, sobre todo en terreos de composición granítica ou con rochas con alto contido de uranio, está considerado como a primeira causa de cancro de pulmón en persoas non fumadoras e a segunda en fumadoras. Estas últimas corren un risco de contraer a enfermidade 25 veces superior.

Este gas radioactivo infíltrase nas vivendas a través das pequenas fisuras, dos poros do formigón ou das xuntas das tubaxes de desaugadoiros.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda unha concentración de radon residencial inferior a 100 Bq/ m3 (becquerelios por metro cúbico), pero en zonas moi graníticas non é infrecuente atopar vivendas con rangos moi superiores, de até varios miles de Bq/m3.

Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela, subliña o problema da falta de medicións: "Na Galiza, con moita menos poboación que o resto do territorio estatal, temos realizadas unhas 4.300 medicións de radon en inmóbeis, fronte a 12.000 en todo o Estado”.

“Claramente son necesarias máis medicións que permitan caracterizar mellor a exposición a radon da poboación, con mapas preditivos máis resolutivos", defende.

O profesor da USC participou en estudos epidemiolóxicos “e a propia evidencia” demostra que “o radon aumenta o risco de cancro de pulmón en persoas que nunca fumaron e que doutra maneira probabelmente non desenvolverían esta enfermidade”.

Por que a Galiza está tan afectada?

O Laboratorio de Radon da Galiza pon de manifesto que na súa maior parte os solos no territorio galego son graníticos e o granito contén numerosos poros, o que provoca que o gas aflore á superficie e se instale nas vivendas.

O perigo ten a ver, en consecuencia, coa base granítica na que se asentan boa parte das vivendas galegas, coa excepción da comarca de Bergantiños e de parte do interior, onde a presenza deste gas é polo xeral menor.

Unha normativa que chega tarde

O responsábel de Vive Sen Radon, José Miguel Rodríguez, explica que o Estado español “tiña de prazo até o 6 de febreiro de 2018 para traspoñer a Directiva 59/2013/ Euratom, "cousa que non ocorreu, e seguimos sen un Plan de radon, ao contrario que outros Estados da nosa contorna”. O Renio Unido, Irlanda e Bélxica contan con plans de medición nas vivendas postos en marcha polos Gobernos.

O Código Técnico da Edificación incluíu requisitos e esixencias de seguridade a respecto do radon nos edificios a finais de 2019, pero a Unión Europea levaba recomendándoo desde 1990. Debido ao estado de alarma pola pandemia, o novo CTE non entrou en vigor até o 23 de setembro de 2020.