martes 25.02.2020

Exixen realizar medicións de radón en todos os centros de traballo

Desde CCOO reiteran nun comunicado a necesidade de realizar medicións dos niveis deste gas en todos os centros de traballo. 
Facultade de Socioloxía da UDC, un dos edificios onde se detectou gas radón na Galiza (Google Maps)
Facultade de Socioloxía da UDC, un dos edificios onde se detectou gas radón na Galiza (Google Maps)

No mes de febreiro de 2018 entrou en vigor no Estado español unha directiva europea de 2013 que obriga a tomar medidas contra o gas radón, incluíndo a súa eliminación de vivendas e centros de traballo. O incumprimento desta norma supuxo xa a apertura dun expediente ao Estado por parte da Comisión Europea no outono de 2019. CCOO reitera a necesidade de realizar controis dos niveis deste gas en todos os centros de traballo. 
O sindicato lembra que este gas é un problema de saúde laboral, mais tamén de saúde pública, cunha especial incidencia na Galiza, xa que o mapa de potencial de radón, elaborado polo Consello de Seguridade Nuclear (CSN), sitúa os maiores niveis deste elemento canceríxeno en todo o territorio.

Inspeccións e medicións

A directiva europea reduce o límite aceptábel de concentración de radón de 1000 Bq/m3 a 300. Porén, o mapa do Consello de Seguridade Nuclear sitúa Galiza con niveis superiores aos 400, "o que dá boa proba da magnitude da problemática", apunta Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO da Galiza.
Por esta razón, o sindicalista coida "absolutamente necesario" que a Inspección de Traballo teña competencias en materia deste canceríxeno e así poder "garantir a aplicación da norma no ámbito laboral". Neste senso, o secretario de Saúde Laboral de CCOO asegura que é necesario realizar medicións en todos os centros de traballo e situar o problema do radón dentro das avaliacións de riscos, ao tempo que se valore se é necesario realizar obras nos edificios ou outro tipo de actuacións "para atallar a exposición a este gas".

Risco alto para a saúde

O gas radón é a maior fonte natural de radiactividade. Orixínase coa desintegración doutros produtos naturais presentes no chan e os materiais de construción. Acumúlase nas vivendas cando pasa desde o subsolo sobre o que están construídas e ao inhalarse entra nas vías respiratorias onde se adhire ao tecido pulmonar. É imperceptíbel e a única forma de saber se nun lugar de traballo ten este gas en cantidades importantes é medir a súa concentración. Na actualidade é a segunda causa de cancro de pulmón.

comentarios