Galiza encabeza os ingresos en UCI na última semana

Unidade UCI no Hospital Clínico de Santiago (Foto: Ana Varela / Xunta)

A Galiza fica á cabeza do Estado en número de ingresos en UCI nos últimos sete días. Aliás, este 1 de marzo comunicáronse 14 novos falecementos a causa do coronavirus.

A Galiza rexistrou un total de 27 ingresos en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) a causa do coronavirus na última semana, segundo os datos que publica esta segunda feira, 1 de marzo, o Ministerio de Sanidade. Desta forma, a Galiza é o territorio no Estado con maior número de ingresos entre os días 21 e 28 de febreiro, seguida por Andalucía (19) e Asturies (17).

Con todo, eses 27 ingresos en UCI supoñen un descenso de 37% respecto aos 43 rexistrados na anterior semana. En total, desde o comezo da pandemia, 1.601 persoas con coronavirus pasaron polas UCI galegas.

Os casos de Covid-19 que necesitaron hospitalización nos últimos sete días na Galiza foron 197 -esta cifra tamén inclúe os ingresos en UCI-, segunda maior cifra entre comunidades, só por detrás de Andalucía (318). Un total de 12.043 persoas foron hospitalizadas con coronavirus desde hai un ano.

Na Galiza hai 113 persoas en UCI con Covid-19, cunha ocupación de 14,3%, segundo os datos que a Xunta dá ao Ministerio. Esta taxa é seis puntos menor que a da semana anterior. A ocupación media no estado español é o dobre (28%).

Hai 477 pacientes hospitalizados a causa da Cocvid-19 na Galiza, o que supón 5,66% de ocupación hospitalaria. No Estado esta cifra está en 9,36%.

Noutra orde de cousas, entre o 22 e o 28 de febreiro, diagnosticáronse oito casos na Galiza importados doutros países. 

14 novos falecementos

As autoridades sanitarias confirmaron esta segunda feira, 1 de marzo, 14 novos falecementos con Covid-19, o que eleva a 2.252 o total de vítimas da pandemia na Galiza.

Destas 14 novas mortes, só unha se produciu este 1 de marzo, en concreto un home de 67 anos que se atopaba ingresado no Hospital Quirón Saúde da Coruña. O resto foron falecementos rexistrados desde a sexta feira, pero todos eles presentaban patoloxías previas.

Unha das falecidas foi unha muller de 89 anos na residencia A Milagrosa da Coruña, o pasado día 26. Ao día seguinte, faleceron dúas mulleres de 90 e 95 anos no Complexo Hospitalario de Ferrol, outra de 86 no CHUAC e un home de 95 anos na residencia A Milagrosa da Coruña.

O domingo faleceu unha muller de 90 anos no hospital de Vigo, outra de 83 no Complexo Hospitalario de Santiago, un home de 86 no de Lugo, outro de 89 no de Ferrol; unha muller de 81 anos na residencia CEGADI (Santiago); outra de 83 no hospital de Ourense; un home de 82 anos no Hospital Virxe da Xunqueira (cee); e outro home de 71 anos no hospital de Pontevedra.

Dúbidas sobre o impacto da variante británica

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Estado español, Fernando Simón, volveu pór en dúbida esta segunda feira que a variante británica do coronavirus tivese un impacto "importante" na terceira onda de contaxios.

Así, Simón insistiu en que o rápido incremento da transmisión do coronavirus rexistrado nestes meses débese, especialmente, ás festas de nadal e non tanto á presenza da variante británica.

"Non se pode xustificar, si é certo que puido ter un impacto, pero non foi moi importante e, cos datos que temos, pódese afirmar que esta variante foi controlada en España coas medidas de control que se aplicaron", apostilou.

Con todo, o doutor lembrou que actualmente hai varias variantes circulando polo Estado e que parecen "máis transmisíbeis" e que, mesmo, están a producirse mutacións nesas variantes.

Doutra banda, Simón defendeu a importancia das vacinas contra o coronavirus porque son "chaves" para controlar a pandemia en todo o mundo, e asegurou que en España haberá vacinas "suficientes" para lograr os obxectivos de vacinación fixados.

"Os obxectivos van ser factíbeis, pode que nestas semanas non cheguen tantas vacinas como esperabamos pero compensarase nas semanas seguintes", salientou. Así mesmo, Simón asegurou que o control da letalidade pola Covid-19 que se está observando nos últimos días débese, "en moi boa parte", á vacinación.