Críticas á xestión do PP na Xunta

Galiza berra “Nunca Máis” contra os lumes e contra a depredación do país

[Imaxes: RP, Adega e Galiza Contrainfo]

Na mañá do domingo volveu emerxer en Compostela o país de Nunca Máis, a esperanza e dignidade do pobo contra as políticas que destrúen Galiza. Foi na masiva mobilización convocada para protestar contra a Lei de Depredación e contra os incendios e a política forestal da Xunta de Galiza.

Unha maré de persoas percorreu na mañá do domingo as rúas de Compostela convocada pola Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza –a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais impulsada polo PP desde o Goberno galego–. A mobilización, que inicialmente estaba dirixida a protestar contra a citada normativa, vinculouse posteriormente cos incendios, após a vaga da semana pasada que queimou máis de 35 mil hectáreas e deixou catro persoas falecidas. Precisamente, o momento máis emotivo da xornada foi o do sobrecolledor minuto de silencio polas vítimas.

 

“Feijóo dimite, Galiza non te admite”, “Feijóo escoita, Galiza está en loita” ou “Feijóo dimisión, Tahoces a prisión” foron algunhas das consignas máis coreadas na manifestación que ateigou as rúas de Santiago de Compostela na mañá do domingo. Así, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, situábase albo das críticas de quen reclamou responsabilidades políticas e de quen denunciou a política forestal do Goberno galego baixo o lema “Lumes Nunca Máis”.

 

A

manifestación partiu pasadas as 12h da Alameda de Santiago cara á praza da Quintana, onde varios brigadistas, coas súas roupas de traballo, espertaron a ovación das persoas asistentes baixo os berros de “Nunca Máis” e o lema “Con este goberno imos ao inferno”. O director de teatro Quico Cadaval foi a persoa encargada de conducir o acto. Mostra da retranca que o caracteriza, o artista pediu a aplicación do artigo 155 da constitución española ao Goberno da Xunta “pola súa manifesta competencia”.

 

Tamén tomou a palabra Paulo Carril, un dos integrantes da plataforma e secretario xeral da CIG, quen centrou as críticas nun modelo económico que “non aposta no desenvolvemento económico e social, senón que pretende un modelo baseado no espolio, a depredación e a ruína do pobo galego”. Cargaba, así, contra o “modelo industrial colonial” que dá “renda solta” aos fondos de investimento e poderes económicos”.

 

A continuación, Carril asegurou que a lei “asenta” a política de “eucaliptización e de abandono do rural”. Denunciou, a continuación, a política forestal da Xunta de Galiza e esixiu a demisión de Feijóo, “nesta catástrofe hai responsábeis e son os membros do PP”, advertiu.

 

Partidos políticos

 

Na mobilización, participaron colectivos ecoloxistas, sindicatos, persoal do dispositivo contra os incendios e representantes das formacións políticas En Marea e BNG. Luís Villares, portavoz de En Marea, afirmou en declaracións aos medios que “se a Feijóo lle quedaba algo de reputación como xestor, queimouna durante estes días”.

 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cualificou de “pirómana” a política forestal da Xunta, ao considerar que favorece “a actividade incendiaria”. A nacionalista tamén lle pediu ao Executivlo de Feijóo que “asuma as súas responsabilidades”.

 

Tamén asistiron o líder de Anova, Antón Sánchez, xunto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o ex portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, que acusou o PP de ser “o gran culpábel dos incendios” por promover empresas que “controlan a utilización da madeira e que queren a eucaliptización de Galiza”.

 

A Lei de Depredación, un retroceso

 

A proposición de lei aprobada na terza feira no Parlamento cos votos do Partido Popular e co rexeitamento da oposición implica importantes repercusións nos sectores vinculados á actividade industrial do país, así como no marco lexislativo que regula a protección do patrimonio natural e os prazos de información e exposición públicas.

 

Nada máis darse a coñecer o contido da proposta –en pleno mes de agosto– espertáronse fortes resistencias por parte dun nutrido grupo de colectivos relacionados co ecoloxismo e coa protección do patrimonio, que denuncian que a lei abre a barra libre aos intereses das grandes empresas, pois dinamita os controis e garantías.

 

Colectivos que forman parte da plataforma, como Contraminacción, denunciaron que se esta lei chega a existir anos antes “non tería sido posíbel frear atentados ambientais como o proxecto de mina de Corcoesto, a extracción de feldespatos da Limia ou mesmo impedir a Lei de Acuicultura”.

 

Adega, pola súa banda, sinala que a lei “reduce até a mínima expresións as xa cativas limitacións existentes para protexer o noso medio ambiente, patrimonio ou os intereses sociais”.

 

O texto modifica leis de calado como a da minaría, a do sector eólico, a de augas ou a do solo en aras de beneficiar proxectos industriais que, denuncia a plataforma, prexudican Galiza.