Galiza bate o récord da pandemia ao detectar 798 novos contaxios nun só día

Xente paseando con máscara na rúa San Pedro, en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Só pasaron tres días desde a fin do Nadal e a Galiza xa bate o récord de toda a pandemia con 798 novos contaxios detectados por proba PCR nun só día. Esta cifra supera os 785, a anterior máis alta, que notificara a Consellaría de  Sanidade o pasado 1 de novembro, pico da segunda onda.

A Galiza bate o seu propio récord da pandemia con 798 novos contaxios detectados por proba PCR nas últimas 24 horas, unha cifra que pasa dos 785, a anterior máis alta, que notificara o Sergas o pasado 1 de novembro, pico da segunda onda.

Segundo consta este sábado, 9 de xaneiro, na web de datos da pandemia da Consellaría de Sanidade, actualizada con cifras das 18 horas da xornada anterior, o crecemento das novas infeccións sostense en todas as áreas sanitarias salvo nunha, a de Ferrol, que baixa a 28 positivos detectados nun día, con 18 menos.

En canto ao resto, a área sanitaria de Vigo disparouse até notificar 209 novos contaxios por coronavirus, 143 máis que os do día anterior. A da Coruña-Cee subiu en 47, até os 171; mentres que a de Santiago-Barbanza rexistrou 169 positivos, 30 máis.

Tamén se dispararon os contaxios na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, con 87 novos casos confirmados por PCR -soben en 53-; aínda que nas áreas de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e Pontevedra-O Salnés, con 79 e 55 positivos diarios, respectivamente, os ascensos foron máis lixeiros -tan só notificaron catro máis que o día anterior-.

Probas PCR

A web da Consellaría de  Sanidade tamén recolle que, até a data, se realizaron na Galiza un total de 1.168.006 probas PCR, o que permite calcular que nas últimas 24 horas se practicaron 8.390 probas, 2.121 máis que a xornada anterior.

Iso si, a taxa de poisitividade das PCR realizadas ascendeu nun punto, até 8,5%, o que significa que a Galiza aínda está por encima de 5%, limiar que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Por áreas sanitarias, tan só a de Ferrol está por baixo deste limiar, con 4,8% de positivos do total de probas realizadas. O resto, salvo Lugo (5,1%), supérano: Ourense (7,2%), Vigo (7,6%), Santiago (7,8%), A Coruña (12,3%) e Pontevedra, onde se disparou (19,2%).

Dispáranse os casos activos

En canto ao global de casos activos -pacientes que aínda padecen a enfermidade-, disparáronse en 503 e a Galiza contabiliza este sábado 7.392 en total tras subir en todas as sete áreas sanitarias.

A da Coruña-Cee continúa como a que ten máis enfermos de Covid-19, con 1.696, tras ascender en 139 nas últimas 24 horas. Séguea de perto Santiago-Barbanza, onde as e os pacientes subiron en 133 até situarse nos 1.650. En Vigo, esta cifra creceu en 108, ata os 1.330 casos activos.

Por baixo do milleiro, aínda que tamén experimentaron ascensos, están as áreas sanitarias de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 856 pacientes (+38); Pontevedra-O Salnés, con 724 (+7); Lugo-A Mariña-Monforte, con 699 (+73); e Ferrol, con 437 enfermos (+5).

Baixa a presión hospitalaria e mantense na UCI

Con todo, a pesar do aumento dos contaxios e os casos activos, a presión hospitalaria reduciuse lixeiramente no último día ao descender en oito o número de pacientes ingresados en planta, até os 342, aínda que en unidades de coidados intensivos (UCI) a cifra non variou e mantense en 63.

En total, a Galiza ten 405 persoas diagnosticadas de coronavirus nos seus hospitais. 

Desde o principio da pandemia rexistráronse 67.999 casos de coronavirus na Galiza, dos que 59.172 foron altas, 406 nas últimas 24 horas.

Así mesmo, a crise sanitaria deixa até o momento 1.441 falecementos no país, despois das últimas cinco vítimas mortais notificadas polo Sergas na tarde do 8 de xaneiro -dúas delas relacionadas con residencias de anciáns-.